A Deputación de Lugo aproba uns orzamentos históricos de 155,2 millóns de euros para 2027

O pleno provincial deu luz verde ás contas co apoio do goberno de PSOE e BNG e o voto en contra do PP. A sesión deixou tamén acordos unánimes en asuntos de xestión e discrepancias entre os grupos no debate das mocións
psoe-pleno-deputacion
24 Nov 2026

A Deputación de Lugo contará en 2027 cun orzamento de 155,2 millóns de euros, a cifra máis elevada da súa historia. As contas, aprobadas este martes no pleno provincial cos votos favorables de PSOE e BNG, supoñen un incremento próximo ao 15 % respecto ao exercicio anterior. O Partido Popular rexeitou a proposta do goberno provincial.

A presidenta da institución, Carmela López, defendeu que o aumento dos recursos permitirá mellorar a cooperación cos 67 concellos lucenses e manter servizos esenciais, especialmente nos ámbitos da atención ás persoas maiores, a conservación das estradas e as emerxencias. López incidiu nas dificultades que afronta unha provincia marcada pola dispersión poboacional, o envellecemento e os problemas de comunicación, e reclamou á Xunta unha maior achega económica para atender necesidades que, segundo sinalou, está asumindo a Deputación malia non seren da súa competencia.

Un dos principais capítulos das contas será o destinado á rede viaria provincial, que supera os 4.200 quilómetros. Para este ámbito reservaranse 31,8 millóns de euros, dos que 23,1 millóns corresponderán especificamente a tarefas de conservación e mellora das estradas, fronte aos 18,9 millóns do ano anterior.

O dispositivo de emerxencias tamén contará con máis financiamento. A partida ascende a 5,5 millóns de euros, un 18 % máis que en 2026. Entre os obxectivos da institución figuran avanzar na incorporación dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) ao Consorcio Provincial de Bombeiros, impulsar un novo parque na Montaña e mellorar tanto a organización do servizo como as condicións laborais do persoal. A presidenta vinculou parte destes avances á participación económica que lle corresponde á Xunta no Consorcio.

A atención aos maiores disporá de máis de 16,3 millóns de euros. O investimento permitirá reforzar os servizos das nove residencias provinciais en funcionamento e continuar cos proxectos de novos centros na Pobra do Brollón, Becerreá, A Pontenova, Guitiriz, Ourol e Cervantes. Actualmente, as residencias da Deputación ofrecen 300 prazas, que están todas ocupadas.

O PP cuestiona o reparto dos fondos

O grupo provincial popular votou en contra das contas ao considerar que son «opacas e sectarias» e que non dan resposta ás necesidades reais da provincia. O seu portavoz, Antonio Ameijide, censurou que o goberno de Carmela López non incorporase as propostas do PP, formación que goberna en 36 dos 67 concellos lucenses.

Ameijide tamén criticou o convenio de 273.600,73 euros destinado a Burela, municipio do que Carmela López é alcaldesa, e cuestionou que se trate dun dos primeiros acordos vinculados aos novos orzamentos. Ademais, defendeu que o incremento dos ingresos da Deputación debería traducirse nunha maior dotación para os concellos a través do Plan Deputación.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial, Efrén Castro, destacou que as contas son froito dun traballo político destinado a garantir que os fondos estean dispoñibles desde comezos de xaneiro. Tamén puxo en valor os 25 millóns de euros previstos para o Plan Deputación, que recibe 2,7 millóns máis e experimenta, segundo indicou, o maior incremento desde a súa creación.

Acordos en materia de persoal e cooperación municipal

Á marxe da aprobación orzamentaria, a corporación apoiou por unanimidade a creación de sete novas prazas nos centros de atención a maiores e a incorporación de persoal aos servizos provinciais de Parques e Xardíns.

Outro dos acordos unánimes foi o traspaso de 3.064 metros de estradas provinciais aos concellos de Cospeito e Palas de Rei. No primeiro caso, a cesión afecta a 2.248 metros de vías situadas en Feira do Monte e Muimenta, mentres que en Palas de Rei pasarán á titularidade municipal outros 816 metros. A Deputación sinalou que está a estudar peticións similares formuladas por outras administracións locais.

Tamén se aprobou a entrega gratuíta ao Concello de Becerreá dun tractor con pa cargadora, que se empregará no mantemento de camiños, na limpeza de cunetas e na prevención de incendios forestais.

O pleno analizou ademais a situación de varias instalacións turísticas e recreativas dependentes da institución provincial. Xa están adxudicadas as explotacións do Mazo de Santa Comba, o Náutico de Ponte do Sil e Maiorga, en Pantón. Pola contra, os concursos para o Náutico de Portomarín e Los Robles, en Lugo, quedaron sen ofertas e deberán convocarse de novo. Os procedementos relativos a Chancís e Augasmestas continúan en marcha.

Mocións e desacordos entre os grupos

No apartado político, o PSOE conseguiu sacar adiante dúas iniciativas para reclamar á Xunta máis investimentos na provincia e defender os servizos públicos e os dereitos sociais. As propostas contaron co apoio dos socialistas, do BNG e do deputado non adscrito, mentres que o PP votou en contra.

O BNG levou ao pleno outra iniciativa para reclamar que o servizo de Hospitalización a Domicilio chegue a todos os concellos da provincia e que os equipos dispoñan do persoal necesario. A deputada Iria Castro advertiu de que, malia os trinta anos transcorridos desde a posta en marcha deste recurso sanitario, municipios como Riotorto, A Pontenova, Muras, Xermade ou Samos continúan sen cobertura. A proposta foi aprobada cos votos do BNG e do PSdeG e a abstención do PP.

Pola súa banda, os populares reclamaron á Deputación que cumpra os compromisos adquiridos con Baralla e Riotorto para desenvolver as súas respectivas áreas industriais, dous proxectos que levan case dúas décadas sen materializarse. Ameijide sostivo que a falta de solo industrial dificulta a chegada de empresas e a creación de emprego nestes municipios. A moción foi rexeitada cos votos contrarios do PSOE, o BNG e José Tomé.

O PP tamén presentou unha iniciativa sobre os problemas detectados no Sistema Cometa, empregado na protección de vítimas de violencia de xénero. Neste caso, a proposta si prosperou grazas ao apoio dos populares e do BNG, fronte ao voto en contra dos deputados socialistas e de José Tomé. O texto reclama ao Goberno central que faga públicas as auditorías e investigacións realizadas entre 2024 e 2026, que facilite datos das incidencias rexistradas en cada provincia e que informe das melloras técnicas previstas.

A moción inclúe tamén peticións para renovar progresivamente os dispositivos que presentan deficiencias, incrementar os controis e adoptar medidas que resolvan os problemas de cobertura e xeolocalización detectados en Galicia.

2.1660139560699