A Deputación de Lugo ofrece 120.000 euros ao Burela FS e pide un esforzo conxunto das administracións

A achega extraordinaria queda condicionada á participación da Xunta e ao avance do club no seu proceso de reestruturación económica para garantir a súa viabilidade
BURELA fs
27 Jun 2026

A Deputación de Lugo comprometeu unha achega extraordinaria de 120.000 euros ao Club Deportivo Burela Fútbol Sala co obxectivo de contribuír á continuidade da entidade, aínda que condiciona esta axuda a unha resposta conxunta das administracións e ao proceso de reestruturación económica iniciado polo club.

Segundo explicou a institución provincial, os fondos destinaranse a garantir a actividade ordinaria da entidade, o pagamento de nóminas e das obrigas prioritarias con acredores mentres o Burela FS avanza na procura de financiamento privado e na reorganización das súas contas.

A Deputación indica que esta proposta chega tras máis dun mes de contactos coa directiva do club e coa Xunta de Galicia, período no que tamén se realizou unha análise económico-financeira da entidade. Segundo este informe, a débeda do Burela FS supera os 700.000 euros, polo que os servizos técnicos consideran necesaria unha solución máis ampla que unha achega puntual.

A presidenta da Deputación, Carmela López, sinalou que a institución provincial asume a súa responsabilidade coa proposta económica e expresou a súa confianza en que a Xunta de Galicia realice un esforzo equivalente, ao considerar que o apoio ao deporte forma parte das súas competencias.

A responsable provincial tamén destacou que o obxectivo é construír un modelo máis sostible para o club, baseado na colaboración entre administracións, na reestruturación interna e nun maior apoio do tecido empresarial. Ademais, valorou positivamente que o Burela FS confirmase a inscrición dos seus equipos para a próxima tempada.

0.31831622123718