A Deputación de Lugo presenta o estudo para ampliar a capacidade do Pazo dos Deportes

A área de Deportes da Deputación de Lugo deu a coñecer o estudo técnico sobre a ampliación do Pazo dos Deportes de Lugo, un documento que analiza as posibilidades de incrementar a capacidade do recinto e as condicións necesarias para executar esta actuación.
O informe foi elaborado polos arquitectos Antonio Desmonts Sierra, Alfredo Antuña Presa, Daniel Villanueva Zarraolandia e Fran Mateos Cano, e recolle unha intervención enfocada non só ao aumento do aforo, senón tamén á mellora da funcionalidade, da seguridade e da accesibilidade do pavillón, adaptándoo ás necesidades actuais e ás posibilidades de modernización futuras.
A proposta contempla a construción dunha nova estrutura perimetral exterior á altura da terceira planta. Este espazo permitiría habilitar novos corredores de distribución e evacuación, deixando libres os actuais para instalar bancadas fixas. A actuación suporía incrementar a superficie construída do edificio, que pasaría de 11.384,75 a 14.463,5 metros cadrados, e posibilitaría crear arredor de 1.000 novas localidades para o público.
A reforma tamén incluiría a construción de novas escaleiras de evacuación e a instalación de ascensores para conectar os distintos niveis do recinto, cumprindo coa normativa vixente en materia de seguridade e accesibilidade. Ademais, prevese a ampliación dos corredores entre a pista e as bancadas móbiles para facilitar unha evacuación máis áxil e segura, así como a actualización dos sistemas de protección contra incendios e control de fumes na cuberta.
Entre outras melloras, o estudo propón habilitar novos aseos na planta superior e reformar os actuais, reorganizar os accesos e o vestíbulo principal, ampliar as zonas administrativas e de cafetería e redistribuír o palco de autoridades. O documento incorpora tamén unha estimación económica para o desenvolvemento do proxecto, cifrada en 13 millóns de euros.
Unha das actuacións previstas no estudo, a reorganización do palco de autoridades, executarase de maneira inmediata. Esta intervención, prevista para os meses de verán, permitirá habilitar 116 novas localidades para público xeral nas bancadas de cara á próxima tempada.

O VALOR DA ACTUACIÓN
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, explicou que coa presentación deste estudo “cúmprese o compromiso adquirido de analizar as posibilidades reais de ampliación da capacidade do Pazo”. Segundo indicou, tratouse dun proceso complexo que requiriu tanto traballo técnico sobre o terreo como a recompilación e estudo de documentación dun edificio inaugurado no ano 1992. Neste sentido, destacou a colaboración de Antonio Desmonts Sierra, avalada pola súa experiencia en instalacións deportivas.
Efrén Castro incidiu en que a reforma debía formularse “con rigor”, a partir dunha proposta viable desde o punto de vista técnico e tamén económico. O vicepresidente salientou que o informe presenta unha visión integral da ampliación, tendo en conta cuestións relacionadas coa seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade do recinto. Tamén valorou a proposta estética incluída no estudo, tendo en conta “o que representan o CB Breogán e o Club Ensino e o peso que ten o baloncesto nesta cidade e nesta provincia”.
O responsable provincial sinalou ademais que o estudo marca “un camiño a medio prazo” que require da implicación de todas as administracións para poder materializarse. Neste contexto, lembrou que a Deputación investiu preto de dous millóns de euros nos últimos anos en melloras e actuacións de modernización tanto no Pazo como no Anexo, aínda que advertiu de que a institución provincial non pode asumir en solitario un proxecto destas dimensións. Como primeiro paso, avanzou que a memoria será trasladada ao Concello, á Xunta e ao Estado para que poidan analizala e abrir unha vía de diálogo.
A reforma do palco súmase ás actuacións de modernización levadas a cabo nos últimos anos nas instalacións deportivas provinciais. Entre elas figuran a renovación dos asentos do anel inferior e da iluminación, melloras de accesibilidade no exterior do edificio, traballos de pulido, vernizado e pintado da pista, a limpeza integral da fachada, a instalación de varandas nas escaleiras de acceso, a impermeabilización da cuberta e a colocación do videomarcador.
No Anexo tamén se desenvolveron actuacións como a renovación do parqué da pista e a construción de novos vestiarios para as persoas usuarias desta instalación. O investimento global destas intervencións ronda os dous millóns de euros.
RESPOSTA DO PP
O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameiide, lamentou “a falta de lealdade institucional” por anunciar publicamente o proxecto de reforma do Pazo dos Deportes "sen informar aos grupos da corporación”, pero tamén amosou a súa ledicia “porque semella que avanzamos nunha das grandes reivindicacións da sociedade lucense”.
Antonio Ameijide explicou tamén que “como non tivemos ningún tipo de información nin de comunicación por parte do goberno provincial, solicitamos oficialmente acceso e copia íntegra do expediente relativo ao proxecto para poder
coñecer con detalles todos os pormenores do mesmo”.
Así, concluíu que "un proxecto desta envergadura require máxima transparencia e información detallada para coñecer o alcance real da actuación, os prazos previstos, o financiamento e os informes técnicos existentes, por afectar a toda a sociedade e
polo importe a investir”, sentenciou.