A Deputación de Ourense convoca a trixésimo quinta edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo

O prazo de presentación de propostas rematará dentro de 15 días naturais e nesta edición o premio ao mellor traballo está dotado con 4.000 euros e o accésit ao segundo mellor valorado con 1.000
premio-xornalismo-xose-aurelio-carracedo
Entrega do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo 2025
13 Mar 2026

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de facer públicas as bases do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, convocado pola Deputación de Ourense. O prazo de presentación de propostas rematará dentro dos 15 días naturais.

Ao igual que o pasado, a edición de 2026 inclúe un premio de honra, un galardón ao mellor traballo xornalístico e un accésit. Ademais, haberá un “Premio Honorífico á traxectoria profesional”, con diploma acreditativo en recoñecemento ao labor xornalístico desenvolvido pola persoa gañadora. Para o fallo terase en conta a relación persoal ou profesional do candidato ao galardón con Galicia, e de modo particular coa provincia de Ourense.

Neste caso, as propostas poderán ser presentadas polos membros do xurado e por institucións, asociacións ou colectivos de calquera ámbito (económico, social, cultural, deportivo, e outros), e as candidaturas deberán corresponder con persoas profesionais ou colaboradoras habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos, audiovisuais ou dixitais, en calquera medio galego ou edición galega dun medio estatal.

A segunda categoría do certame é o “Premio ao mellor traballo xornalístico”, dotado con 4.000 euros e diploma acreditativo, á persoa autora, ou autoras, dun traballo en calquera soporte (papel, radio, televisión, fotografía, dixital) e modalidade (reportaxe, crónica, artigos...), cuxa temática estea relacionada con Galicia e de modo particular coa provincia de Ourense.

En terceiro lugar, o premio propón un “Accésit ao segundo traballo mellor valorado”, cunha dotación de 1.000 euros e diploma acreditativo, seguindo as mesmas directrices que as establecidas para o premio principal ao traballo xornalístico.

Compre destacar que, en ambos casos, valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

0.41024112701416