A Deputación de Ourense dá por rematados os traballos de limpeza nas zonas inundadas de Viana do Bolo

A Deputación Provincial de Ourense deu por rematada a limpeza e retirada dos cascallos provocados polas inundacións nas localidades da Bouza e Pixeiros, no municipio de Viana do Bolo. Unha intervención na zona cero que supuxo a retirada de aproximadamente 7.000 metros cúbicos de material, demostrando unha vez máis a rapidez e capacidade da institución provincial para responder a situacións de emerxencia, como ocorreu o verán pasado co vertedoiro da Rúa.
Os traballos, que se estenderon durante 15 días laborables (do 1 ao 22 de xullo), prolongáronse máis do previsto inicialmente debido ao volume de material e á dificultade da súa extracción pola proximidade ás vivendas. Deste xeito, restableceuse a seguridade e o acceso nas zonas máis afectadas polas intensas inundacións.
A zona da Bouza requiriu un maior esforzo operativo. Alí traballouse durante 12 días para retirar os 6.000 m³ de material acumulado, cumprindo o obxectivo principal de limpar o terreo e acondicionar a contorna. Mentres tanto, en Pixeiros, as tarefas comezaron unha vez que se limpou a localidade da Bouza e desenvolvéronse durante 3 días, retirando un total de aproximadamente 600 m³ de cascallos.
Para levar a cabo estas importantes actuacións mobilizouse maquinaria pesada, cunha retroescavadora de 30 toneladas e tres camións basculantes no lugar para o traslado continuo de cascallos e terra.
A avaliación final das intervencións pon de relevo a estreita colaboración mantida en todo momento entre a Deputación Provincial, o Concello e os propios veciños, cuxa coordinación foi clave para a rápida resolución dos problemas.