A Deputación de Ourense e a Academia Galega do Audiovisual impulsan novos ciclos de cinema na provincia

Anímate ao Cine e o Ciclo Mestre Mateo achegarán proxeccións gratuítas e as longametraxes finalistas a distintos concellos ourensáns
presentacion-animate-ao-cine-mestre-mateo-ourense
16 Jun 2026

A Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Ourense presentaron esta mañá dúas iniciativas culturais vinculadas ao cinema: unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia e a posta en marcha do ciclo Anímate ao Cine. Ambas propostas buscan reforzar a colaboración entre as dúas entidades co obxectivo de achegar o audiovisual á cidadanía.

Na presentación participaron o director do OUFF, Óscar Doviso, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e o membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, Milo Baños.

O novo ciclo 'Anímate ao Cine' estará centrado no cinema de animación e desenvolverase no Teatro Principal de Ourense. A iniciativa pretende ofrecer ao público unha mostra da diversidade e calidade da animación producida actualmente no Estado. Forma parte das actividades arredor do Encontro de Academias, impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, no que participan distintas academias cinematográficas estatais para intercambiar experiencias, analizar retos comúns e reforzar a cooperación no sector.

Este ciclo coincide coa décima edición do Encontro de Academias e contará con catro sesións no Teatro Principal de Ourense. A programación comezará o 22 de xuño ás 20:00 horas coa proxección de 'Decorado', de Alberto Vázquez, gañadora do Premio Goya á mellor curtametraxe de animación. O 23 de xuño ás 17:30 horas será a quenda de 'El tesoro de Barracuda', de Adrià García, recoñecida pola Academia Valenciana. O 1 de xullo ás 20:00 horas proxectarase 'Bella', de Manuel H. Martín e Amparo Martínez Barco, premiada pola Academia Andaluza. O ciclo pecharase o 2 de xullo ás 17:30 horas con 'Olivia y el terremoto invisible', de Irene Iborra, distinguida pola Academia Catalá. Todas as sesións serán gratuítas, aínda que será necesario retirar entrada previamente a través da web do Teatro Principal de Ourense, en ataquilla.com ou na billeteira do propio teatro.

Xunto a esta proposta, preséntase tamén unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, que leva producións do cinema galego a diferentes concellos da provincia. Nesta quinta edición, o programa chegará a Allariz, A Arnoia, A Veiga, Cartelle, Cea, Celanova, O Pereiro de Aguiar e Ribadavia, co obxectivo de facilitar o acceso á cultura audiovisual en municipios sen programación estable de cinema.

O ciclo inclúe as oito longametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo 2026 nas categorías de ficción e documental: 'Sirât', 'Antes de nós', 'As liñas descontinuas', 'San Simón', '360 curvas', 'O son da nova regueifa', 'Deuses de pedra' e 'O silencio herdado'.

Durante a presentación lembráronse os datos das edicións anteriores, nas que se realizaron 160 proxeccións cun total de 4.538 espectadores e unha media de 29 asistentes por sesión, o que confirma a consolidación do proxecto na provincia.

“Un dos obxectivos fundamentais da Academia é facilitar o acceso da cidadanía ao cinema que se produce hoxe en Galicia e garantir que a oferta cultural chegue tamén ás persoas que viven fóra dos grandes núcleos urbanos”, sinalou Milo Baños.

Pola súa parte, Óscar Doviso destacou que con Anímate ao Cine ábrese a programación “a públicos de todas as idades” e ofrécese “a oportunidade de descubrir un cinema de animación que vive un gran momento creativo e conta cunha presenza cada vez maior en festivais e premios”. Esta iniciativa, salientou “encaixa ademais co noso compromiso de achegar o cinema a toda a cidadanía”.

Por último, o vicepresidente segundo da Deputación salientou que “este proxecto é un exemplo da cooperación institucional para democratizar o acceso á cultura e o Ciclo Mestre Mateo permite achegar o cinema ás persoas que viven en concellos sen salas de exhibición”.

0.33729887008667