A Deputación de Ourense leva o cinema ao rural con 30 sesións ao aire libre en toda a provincia

A Deputación de Ourense presentou este venres unha nova edición do programa "Circuíto Provincial de Cine de Verán", unha iniciativa que permitirá achegar o cinema ao aire libre a trinta concellos da provincia durante os meses estivais co obxectivo de facilitar o acceso á cultura no rural.
A presentación celebrouse no Pazo Provincial coa participación do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; do director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, en representación da Xunta de Galicia, entidade colaboradora a través do Plan Director do Xacobeo; e do promotor da iniciativa, Xoan Mariño.
Rosendo Fernández destacou que este programa reafirma “o noso compromiso co rural ourensán levando o mellor do noso cinema directamente ás prazas dos nosos pobos”. Pola súa banda, Xoan Mariño subliñou que a proposta vai máis alá dunha actividade cultural, xa que permite achegar o cinema a localidades nas que non existe unha oferta estable deste tipo. Segundo explicou, nalgunhas edicións atopáronse incluso con veciños que nunca antes asistiran a unha proxección cinematográfica.
O director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor a colaboración da Xunta nesta iniciativa, integrada no Plan Director do Xacobeo, e destacou que tamén contribúe a enriquecer a experiencia dos visitantes cunha oferta cultural complementaria. No ámbito turístico, sinalou que Ourense é actualmente "a provincia que máis medra", indicando que nos seis primeiros meses do ano recibiu 132.000 visitantes, un 8 % máis que no mesmo período do ano anterior.
O programa está orientado especialmente aos concellos que carecen de infraestruturas estables para a celebración deste tipo de actividades culturais. A iniciativa busca facilitar o acceso á cultura audiovisual, dinamizar a vida social durante o verán e reforzar a oferta turística da provincia.
A programación aposta tamén pola promoción do cinema galego e das producións vinculadas á provincia. A carteleira desta edición inclúe nove películas, entre elas Rondallas, Leo & Lou e Antes de Nós, algunhas rodadas en Galicia ou patrocinadas pola propia Deputación. O programa conta ademais coa colaboración de Gadis e da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense.
As sesións de cine ao aire libre chegarán este verán aos concellos de Sarreaus, Castrelo de Miño, Rubiá, Xunqueira de Espadanedo, Vilamartín de Valdeorras, Maside, Avión, Cualedro, Trasmiras, Verea, Esgos, A Teixeira, A Peroxa, Vilardevós, Ribadavia, A Pobra de Trives, Verín, Taboadela, Vilar de Barrio, Piñor, Maceda, Bande, Boborás, O Carballiño, Vilar de Santos, Larouco, Melón, Carballeda de Avia, Baños de Molgas e Lobeira.
Con esta iniciativa, a Deputación de Ourense pretende seguir impulsando a difusión da produción cinematográfica galega, ampliar a oferta cultural nos municipios do rural e ofrecer alternativas de lecer tanto á veciñanza como ás persoas visitantes durante a tempada estival.