A Deputación de Pontevedra aproba 35.000 euros para o reparto das axudas ás confrarías e mariscadoras

O presidente provincial, Luis López, remarcou que “esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural"
xunta-de-goberno-deputacion-pontevedra
19 Jun 2026

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno o reparto das axudas ás confrarías de pescadores, federacións de confrarías e agrupacións de mariscadoras, que ascenden a 350.000 € para impulsar investimentos e afrontar gasto corrente. O presidente provincial, Luis López, remarcou que “esta provincia é mar e son moitos os veciños que viven deste medio natural. Así que demostramos con estas achegas, con feitos e non só con palabras, que estamos onde debemos estar, ao carón dos pescadores e das mariscadoras, dando resposta ás súas demandas”.

Estas axudas provinciais destinarán 250.000 € para que 19 agrupacións de 15 concellos da provincia poidan afrontar cos recursos provinciais gasto corrente, con contías que oscilan entre os 6.000 e os 15.500 € e servirán para afrontar gastos de persoal, electricidade e combustible ou para adquirir semente. E beneficiaranse das axudas as confrarías de pescadores La Anunciada de Baiona, San Martiño de Bueu, San Antonio de Cambados, San José e San Cipriano de Cangas de Morrazo, San Martín do Grove, Santa Tecla da Guarda, San Julián da Illa de Arousa, San Martín de Moaña, San Telmo e San Andrés (Pontevedra), San Juan de Redondela, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía (Sanxenxo), Virxe do Carme de Soutomaior, San Francisco de Vigo, Pedra da Oliveira de Vilaboa, e Santiago Apóstol e Virxe do Rosario de Vilaxoán, ambas de Vilagarcía de Arousa.

Ademais, esta liña provincial de axudas tamén repartirá 100.000 € para que 18 agrupacións de 15 concellos afronten investimentos. “Decidimos poñer en marcha esta segunda liña que antes non existía, porque non ten sentido levar ás agrupacións a facer investimentos se non poden afrontar o gasto do día a día”, explicou o presidente provincial. Ao detalle, estas entidades recibirán entre máis de 600 € e preto de 20.000 € para adquirir vehículos, material informático e de oficina, motores ou material de vixilancia e benefícianse destes recursos as confrarías de pescadores La Anunciada de Baiona, San Martiño de Bueu, San Antonio de Cambados, San José e San Cipriano de Cangas de Morrazo, San Martín de O Grove, San Julián da Illa de Arousa, San Martín de Moaña, San Gregorio de Raxó (Poio), San Andrés de Lourizán (Pontevedra), San Juan de Redondela, San Roque de Portonovo e Santa Rosalía (Sanxenxo), Virxe do Carme de Arcade e a Federación Provincial de Cofradías de Pescadores de Pontevedra (Soutomaior), San Francisco de Vigo, Pedra da Oliveira de Vilaboa e Santiago Apóstol de Vilagarcía de Arousa.

0.33875489234924