A Deputación de Pontevedra destina 100.000 euros para favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade

Os Centros Especiais de Emprego da provincia poderán solicitar ata o 7 de setembro estas axudas para cubrir custos salariais das unidades de apoio e de postos de dirección ou coordinación
Deputacion de Pontevedra
10 Aug 2026

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o 7 de setembro o prazo para que os Centros Especiais de Emprego da provincia soliciten as axudas da liña +Emprega, que este ano conta cunha dotación de 100.000 euros, un 49% máis que na pasada convocatoria.

O programa está destinado a financiar os custos salariais das unidades de apoio á actividade profesional destes centros, co obxectivo de facilitar a integración laboral das persoas con discapacidade que presentan maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo.

As entidades interesadas poderán destinar as axudas aos custos salariais do persoal das unidades de apoio, así como aos postos que desenvolvan tarefas de dirección e/ou coordinación. A contía das subvencións establecerase en función do número de persoas con discapacidade contratadas durante o ano pasado.

Deste xeito, as achegas parten dos 5.000 euros para os centros que conten con 15 ou menos persoas traballadoras con discapacidade e poden chegar ata os 18.000 euros no caso daqueles que teñan máis de 40 persoas contratadas con discapacidade.

A convocatoria incrementa nun 49% a dotación respecto do exercicio anterior. En 2025, oito entidades recibiron un total de 67.000 euros a través desta liña de apoio.

As entidades beneficiarias pertencían aos concellos da Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa. En concreto, tratouse de San Jerónimo Emiliani, na Guarda; Juan María Empleo, en Nigrán; a Asociación de Discapacitados Intelectuais Virgen de la O e Juan XXIII, en Pontevedra; Lume Emprego, no Porriño; Grupo Sifu Galicia, en Vigo; e BATA Servizos Integrais á Comunidade e Servilar 2018, en Vilagarcía de Arousa.

0.38287496566772