A Deputación de Pontevedra distingue dez iniciativas nos Premios Boas Prácticas en Igualdade

A Deputación de Pontevedra entregou este martes os terceiros Premios Boas Prácticas en Igualdade, nun acto celebrado no Pazo provincial e presidido por Luis López, que recoñeceu o traballo de persoas e entidades que contribúen a construír unha sociedade máis igualitaria e xusta.
O presidente provincial destacou o labor dos colectivos distinguidos, aos que definiu como referentes que “non empregan a igualdade como un cliché, senón que a practican e converten en feitos e avances as palabras e as declaracións de intencións”. Con esta terceira convocatoria, o certame suma xa 27 recoñecementos desde a súa creación.
Nesta edición, os galardóns principais recaeron en Faraxa pola abolición da prostitución, na categoría de iniciativa social; no Conservatorio Superior de Música de Vigo, na modalidade de cultura; na Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, no ámbito deportivo; e no CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos, na categoría de educación.
Ademais, entregáronse varios accésits. A Casa Santa María de la Esperanza Esclavas Virgen Dolorosa foi distinguida na categoría de iniciativa social, mentres que o Club Cisne Balonmán de Pontevedra recibiu o recoñecemento no apartado deportivo. Na modalidade educativa, o accésit foi para o CEIP A Lomba de Vilagarcía.
O apartado de distincións honoríficas recoñeceu os concellos de Lalín e Ribadumia polas súas políticas a prol da igualdade, así como o colectivo Empresarias de Galicia, polo seu papel no desenvolvemento económico da provincia e na visibilización do traballo e do talento das emprendedoras galegas.
Durante a entrega dos premios, Luis López felicitou as persoas e entidades distinguidas e subliñou a importancia do seu traballo para avanzar cara a unha provincia que ofreza oportunidades a todas as persoas, sen discriminacións nin violencia.
Compromiso coa igualdade e contra a violencia machista
O acto serviu tamén para avanzar parte da programación que a Deputación promoverá con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. López asegurou que a institución lembrará as mulleres asasinadas e volverá alzar a voz contra a violencia machista: “Basta xa contra a violencia machista. Non cabe outra opción”.
O presidente reafirmou o compromiso do goberno provincial coa igualdade e lembrou que os orzamentos para o vindeiro ano ascenden a 261,8 millóns de euros, dos que 1,9 millóns se destinarán á área de Igualdade, o que supón un incremento do 5,5 % respecto ao exercicio anterior.
Entre as iniciativas previstas figuran accións destinadas a mellorar a formación e a empregabilidade das mulleres, axudas ás vítimas da violencia de xénero e aos concellos, así como campañas de sensibilización como 'Mulleres de Palabra' e 'Mulleres no Foco'.
López concluíu destacando que a igualdade efectiva entre mulleres e homes continúa sendo un obxectivo colectivo e asegurou que a Deputación seguirá impulsando estes recoñecementos mentres persistan situacións de violencia, discriminación laboral e desigualdade na distribución das responsabilidades de coidados.