A Deputación de Pontevedra inicia o novo curso cunha inxección de 16M€ para as infraestruturas deportivas e viarias

A Deputación de Pontevedra inicia o novo curso cunha nova e potente inxección de recursos nos concellos para reafirmar o compromiso do goberno provincial co municipalismo. Por un lado, a Xunta de Goberno deu luz verde este venres ao reparto das primeiras axudas do Plan Vía Depo, o programa dotado con 8M€ para a mellora das estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do último inverno. Por outro lado, o Pleno aprobou, nunha sesión extraordinaria, tanto unha modificación de crédito de 8M€ para dotar dos recursos necesarios á cuarta edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, como as bases dun programa que está a revolucionar os equipamentos deportivos nos concellos cunha pegada de 28M€ neste mandato.
Na mesma sesión plenaria foron aprobadas, grazas ao voto favorable dos deputados do Grupo Popular, unha moción relativa á defensa da soberanía de Ceuta e Melilla para esixir ao Goberno de España a adopción de medidas extraordinarias ante os graves acontecementos que están a ocorrer en Ceuta e outra relacionada coa posta en marcha do “Pacto por Peinador” para instar ao Concello de Vigo a que se sume ao movemento institucional para a reactivación do aeroporto.
Na Xunta de Goberno celebrada antes do pleno deste venres, o executivo que preside Luis López aprobou as primeiras 49 subvencións do plan Vía Depo a outros tantos concellos da provincia coas que dá comezo o reparto de axudas dun programa deseñado para axudar aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a reparar os danos causados polos temporais do último inverno nas estradas, camiños e accesos a zonas naturais de titularidade municipal. Dotado con 8M€ de euros de orzamento, o goberno provincial ten aprobado xa o reparto do 82%, o equivalente a 6,6M€, mentres que o importe restante será aprobado nas vindeiras datas. “Só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, subliñou Luis López antes de debullar as cifras do reparto por comarcas.
Os proxectos aprobados este venres supoñen un investimento de 350.000 euros para os concellos morracenses de Bueu, Cangas e Moaña; 1,16 millóns de euros para doce concellos do Salnés e Arousa; e 1,36 millóns para once municipios da contorna de Pontevedra. Ademais, os sete concellos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes contarán con 1,65 millóns de euros, mentres que os 16 municipios da contorna de Vigo e do sur da provincia recibirán un total de 2,1 millóns de euros.
O pleno extraordinario comezou coa aprobación das bases e a modificación de crédito necesaria para dotar de orzamento á cuarta edición do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Un programa que reparte entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes un total de 8M€ para construír ou mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar material material para a práctica deportiva. Os fondos repártense a través de dous mecanismos, cada concello recibe unha parte fixa de 75.000€ que supoñen o 55% do orzamento, uns 4,42M€; mentres que os restantes 3,57M€ repártense seguindo criterios obxectivos relacionados coa poboación. Unha valiosa inxección de recursos para que os concellos melloren os seus servizos que foi aprobada por unanimidade, agás no tocante á modificación de créditos, punto no que os deputados do BNG decidiron asbterse.
A Deputación manifesta o seu apoio a Ceuta
Outro acordo acadado nesta sesión foi o relacionado coa proposta presentada polo Grupo Popular referida á crise migratoria que está a acontecer en Ceuta. O voto favorable dos populares, malia o posicionamento en contra de PSOE e BNG, permitiu aprobar acordos como o firme apoio, solidariedade e proximidade da Deputación coa Cidade Autónoma de Ceuta, as súas institucións e todos os ceutís ante os graves acontecementos producidos, e a expresión do seu compromiso inequívoco coa defensa da súa seguridade, convivencia, dereitos e liberdades; e o recoñecemento da inquebrantable pertenza de Ceuta a España e o rexeitamento de calquera actuación que pretenda cuestionar a soberanía nacional e a integridade territorial de España.
Ademais, con este escrito ínstase ao ao Goberno de España a despregar e manter en Ceuta todos os recursos, medios e capacidades do Estado que sexan necesarios ata garantir a recuperación plena da normalidade, a seguridade, a orde pública e o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais e constitucionais dos ceutís; a proceder de maneira inmediata á identificación de todas as persoas que accederon irregularmente a territorio español a través de Ceuta e executar o retorno efectivo a Marrocos. Entre outros acordos relacionados coa defensa de Ceuta, a Administración Provincial manifesta tamén o seu recoñecemento e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, as Forzas Armadas, a Policía Local, os servizos de emerxencia e todos os empregados públicos que están a traballar en defensa da seguridade, a convivencia e os dereitos dos cidadáns de Ceuta.
A iniciativa do Grupo Popular, debateuse tamén unha moción para Solicitar ao Concello de Vigo que se sume á mesa institucional do ‘Pacto por Peinador’ impulsado pola Deputación de Pontevedra e orientado a deseñar políticas e accións específicas que permitan a captación de novas rutas e frecuencias para o Aeroporto de Vigo. Unha petición que saíu adiante unicamente polo voto favorable dos deputados do PP, mentres que os do PSOE e BNG votaron en contra. Pola contra, non saíron adiante as dúas mocións presentadas polo Grupo Socialista dirixidas á Xunta para reclamar a gratuidade dos libros de texto ou a asunción da totalidade do custo do Servizo de Axuda no Fogar.