A Deputación de Pontevedra lanza o Plan Vía Depo con 8M€ para reparar estradas municipais danadas polos temporais

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou o novo Plan Vía Depo, un programa extraordinario dotado con 8 millóns de euros destinado a reparar e mellorar as estradas municipais danadas polos temporais do inverno.
A iniciativa está dirixida aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que recibirán un mínimo de 50.000 euros, completando o reparto con criterios de poboación, superficie e número de entidades singulares.
Segundo explicou López, os fondos permitirán financiar actuacións como a reparación de baches e gretas, o reforzo do firme, melloras no trazado das vías, actuacións en sistemas de drenaxe —como cunetas e sumidoiros—, estabilización de muros ou o acondicionamento de accesos a recursos naturais como praias e sendeiros.
“Son fondos para devolver os camiños ao seu estado previo ás borrascas e mesmo melloralos para resistir mellor futuros episodios”, destacou o mandatario provincial.
O plan non poderá empregarse para cofinanciar outros programas da Deputación nin para gastos como redacción de proxectos, dirección de obra ou adquisición de terreos.
O presidente provincial subliñou tamén o compromiso do organismo co mantemento das infraestruturas, lembrando que no que vai de mandato xa se mobilizaron máis de 82 millóns de euros na rede viaria provincial, cun total de 430 incidencias atendidas só neste inverno.
Ademais, López reclamou ao Goberno central unha mellora urxente das estradas estatais na provincia, que suman máis de 300 quilómetros, e reiterou a demanda dunha AP-9 gratuíta e xestionada desde Galicia.
O Plan Vía Depo súmase a outras iniciativas da Deputación como o Plan +Provincia, o Plan Extra ou o Plan de Infraestruturas Deportivas, que en conxunto mobilizaron preto de 300 millóns de euros en menos de tres anos.