A Deputación de Pontevedra pide intensificar a vixilancia das viñas ante a posible aparición de novos focos de mildio

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro destaca o bo estado sanitario dos acios, pero insiste en manter o control da flavescencia dourada e doutros problemas asociados á calor
viña-vide-mildiu-flavescencia-dourada
12 Jul 2026

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, emitiu un novo aviso fitosanitario no que aconsella ás persoas viticultoras manter unha vixilancia constante das viñas durante os próximos días para detectar de forma temperá posibles novos síntomas de mildio. Ao mesmo tempo, lembra a importancia de continuar cos tratamentos contra o insecto vector da flavescencia dourada nas zonas demarcadas.

Segundo explica o persoal técnico, a combinación da vaga de calor das últimas semanas coa elevada humidade ambiental propia da provincia favoreceu un avance continuado da fenoloxía das vides. Nas principais variedades brancas autóctonas, como o albariño, a uva aínda non iniciou de forma xeral o pintado, aínda que xa se observan lixeiros cambios de cor nalgúns acios situados nas zonas máis cálidas. Pola contra, nas variedades tintas máis temperás este proceso xa comezou, nunha situación semellante á rexistrada nestas mesmas datas do ano pasado.

A Estación Fitopatolóxica sinala que o estado sanitario dos acios é actualmente moi bo ou excelente. As altas temperaturas e o tempo maioritariamente seco contribuíron a manter controlado o mildio, e os focos larvados detectados con anterioridade permanecen estabilizados, sen avances significativos nin avisos que indiquen un empeoramento da situación.

Con todo, nas plantas testemuña que non recibiron tratamento e nalgunhas viñas abandonadas seguen aparecendo novas manchas nas follas, o que confirma que o fungo continúa presente no medio. Ademais, os captadores instalados na Estación Fitopatolóxica do Areeiro seguen rexistrando unha elevada presenza de esporanxios, especialmente na parcela de seguimento.

Por este motivo, o organismo provincial recomenda inspeccionar periodicamente as parcelas, sobre todo mentres a uva non entre na fase de pintado, para detectar posibles novos síntomas e decidir, en función da evolución de cada viña, se resulta necesario aplicar novos tratamentos fitosanitarios.

No caso do oídio, as observacións realizadas durante a última semana indican unha incidencia moi reducida. Os únicos síntomas detectados polo persoal do Areeiro localizáronse na viña experimental sen tratar e nunha parra dunha variedade de mesa que tamén parecía carecer de protección fitosanitaria. Ademais, dous técnicos comunicaron a presenza do fungo nalgunhas viñas de albariño, aínda que de maneira moi localizada. A pesar da baixa incidencia, a Deputación recomenda manter a vixilancia, xa que a evolución da enfermidade dependerá das condicións meteorolóxicas das próximas semanas.

En relación coa flavescencia dourada, a Estación Fitopatolóxica lembra que continúa aberto o prazo para realizar os tratamentos insecticidas obrigatorios contra o Scaphoideus titanus nas zonas demarcadas, así como os recomendados nas áreas limítrofes. O persoal técnico insiste en que estes tratamentos deben aplicarse mollando correctamente o envés das follas e eliminando, sempre que sexa posible, os chupóns das cepas, xa que constitúen un refuxio habitual para as ninfas.

Ademais, fai un chamamento a extremar as precaucións nos desprazamentos entre comarcas para evitar a dispersión accidental do insecto e lembra a conveniencia de eliminar e destruír completamente as cepas que presenten varios síntomas compatibles coa enfermidade ou comunicar a súa presenza ás persoas propietarias das parcelas afectadas.

A calor intensa das últimas semanas tamén provocou un incremento dos síntomas de acariose e unha maior presenza de erinose, que nesta campaña presenta unha distribución máis ampla do habitual. Por este motivo, a Deputación recomenda prestar especial atención aos golpes de sol nos acios e lembra que as esfollas deben realizarse con moderación, evitando retirar follas na cara máis exposta ao sol da tarde para reducir os danos sobre a uva.

O estrés provocado polas elevadas temperaturas tamén fixo máis visibles os síntomas de seca, de esgotamento nutricional e das enfermidades da madeira. Nos casos nos que estas afeccións afecten unicamente a un brazo da cepa e non exista posibilidade de recuperación, o persoal técnico recomenda retiralo en condicións de tempo seco, efectuando cortes limpos e protexendo posteriormente as feridas cun funxicida.

No que respecta ás froiteiras, a Estación Fitopatolóxica aconsella retirar e destruír as froitas podres, danadas ou caídas ao chan para reducir a propagación de fungos e outras enfermidades durante o período de maduración.

En canto ao buxo, nas plantas de seguimento do Areeiro non se detectou polo momento unha incidencia importante da bolboreta Cydalima perspectalis, aínda que se recomenda manter a vixilancia para actuar con rapidez se aumenta a actividade das eirugas.

Finalmente, a Estación Fitopatolóxica informou de que durante esta semana se produciu a primeira captura de procesionaria do piñeiro nunha das trampas de seguimento instaladas.

0.3781099319458