A Deputación de Pontevedra pon en valor o investimento de 80 millóns de euros nas estradas en tres anos

Licitáronse 81 obras de mellora do trazado e mobilidade peonil, da drenaxe e de reposición de firme e redactáronse máis de 75 proxectos
rafaestevezbelencachafeiro
22 Jul 2026

A Deputación de Pontevedra investiu máis de 80 millóns de euros na rede de estradas provincias en tres anos de goberno. Trátase, “dunha das redes provinciais de estradas máis extensas de España, con 1.600 km de vías que non son as que che cambian de cidade, pero son as que che levan a casa”, remarcou o presidente para enxalzar o traballo desenvolvido no servizo de Infraestruturas, que neste período incrementou significativamente os investimentos para mellorar o mantemento e a conservación da rede viaria da Deputación e para fomentar a mobilidade e a seguridade peonil.

“Cando o presidente me encomendou dirixir a área de Infraestruturas pediume non escatimar recursos para mellorar a seguridade das estradas provinciais e, nestes tres anos, fixemos un gran traballo, con máis de 80 millóns de euros investidos na mellora substancial, na conservación e no mantemento das nosas vías”, remarcou a deputada de Infraestruturas Públicas Belén Cachafeiro.

“Somos un goberno consciente da importancia que teñen estas vías para vertebrar o noso territorio, do papel que prestan unindo, fundamentalmente, os nosos núcleos rurais, por iso estamos a investir recursos, como nunca antes se fixera, para que todas as persoas que empregan as estradas provinciais, tanto camiñando, como conducindo ou pedaleando, poidan facelo con óptimas garantías de seguridade”, engadiu a deputada responsable das Infraestruturas provinciais.

Neste eido, Cachafeiro puxo en valor os 31 convenios con diferentes concellos da provincia asinados para poñer en marcha iniciativas encamiñadas á mellora da seguridade viaria e mobilidade peonil; tamén as 81 obras licitadas de mellora do trazado e a mobilidade peonil, da drenaxe ou reposición do firme; os 75 proxectos impulsados para seguir avanzando na optimización da rede de estradas provinciais ou os acordos marco vixentes para conservar as vías, mellorar os seus firmes e executar cunetas de seguridade ao longo dos 1.600 km de vías da Deputación de Pontevedra.

0.35199499130249