A Deputación de Pontevedra sitúa as Rías Baixas como destino líder de Galicia tras superar os 700.000 visitantes no verán

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo hoxe balance dos datos turísticos do verán con motivo do Día Mundial do Turismo e constatou a posición das Rías Baixas como destino líder de Galicia. En concreto, entre os meses de xuño e agosto, a provincia recibiu máis de 700.000 visitantes, un 1% máis que no mesmo período de 2025, e concentrou o 35% do total de turistas que chegaron a Galicia. O presidente salientou ademais que o crecemento se produce tamén no turismo internacional. Os visitantes estranxeiros aumentaron preto dun 4% e xa representan o 30% do total, con Italia, Portugal e Estados Unidos entre os principais mercados de procedencia.
“Non o dicimos nós, dino os datos oficiais: este verán as Rías Baixas volveron ser o destino líder de Galicia. Máis de 700.000 visitantes, máis turismo internacional e unha ocupación media do 60%. Son cifras que nos indican que imos polo bo camiño”, destacou o presidente. O destino Rías Baixas mantivo durante o verán unha ocupación media do 60%, a máis elevada de Galicia, con Sanxenxo, O Grove, Pontevedra e Vigo como algúns dos principais motores desta actividade turística. A esta evolución súmase o comportamento do turismo asociado ao Camiño de Santiago. Durante xuño, xullo e agosto, preto de 93.000 peregrinos percorreron algún dos itinerarios que atravesan as Rías Baixas, o que representa un incremento do 20% respecto ao mesmo período de 2025.
Coincidindo co Día Mundial do Turismo, a Deputación tamén programou diferentes iniciativas para seguir achegando o destino aos visitantes e á propia cidadanía. Así, este domingo haberá unha xornada de portas abertas nos castelos de Soutomaior e Sobroso, dous dos principais recursos patrimoniais da provincia e elementos destacados da estratexia provincial para promover tamén o turismo de interior. Desta maneira, Sobroso poderá visitarse entre as 10:00 e as 14:00 horas e s 16:00 e as 20:00 horas, mentres que Soutomaior en horario continuo de 10:00 a 21:00 horas.
A institución provincial está tamén a reforzar o uso das novas tecnoloxías na promoción turística. Coincidindo co lema deste ano, centrado na relación entre turismo e tecnoloxía, Turismo Rías Baixas desenvolve unha campaña nas redes sociais para dar a coñecer os recursos inmersivos e interactivos do Palacete das Mendoza, como a sala inmersiva, a realidade virtual, os hologramas ou os recursos interactivos. Ademais, ponse á disposición das empresas do sector unha ferramenta de autodiagnose en ciberseguridade, asistente integrado no portal de Turismo Rías Baixas que permitirá ás pemes detectar posibles vulnerabilidades e coñecer medidas para mellorar a protección dos seus negocios e das persoas usuarias. Ademais, contará cunha guía de boas prácticas.
O balance do Día Mundial do Turismo chega acompañado, ademais, dun novo recoñecemento internacional para a campaña ‘Rías Baixas: A túa meta, o teu destino’, que volve ser distinguida por segundo ano consecutivo no Cannes Corporate Media & TV Awards, un dos festivais internacionais de referencia no ámbito da comunicación audiovisual e corporativa. Nesta ocasión, recibiu o Premio de Prata en produto turístico, nun festival no que competiron grandes marcas como Volkswagen, PepsiCo, Michelin, Volvo, HSBC, Booking.com, Deloitte, Tesco, Tiffany & Co., Warner Bros, etc. Este novo galardón dá continuidade á traxectoria internacional da campaña, que en 2026 xa conseguiu recoñecementos no Japan World’s Tourism Film Festival, nos New York Festivals TV & Film Awards, no International Tourism Film Festival Africa e no Terres Travel Festival.