A Deputación proxectará a película Cuñados en doce concellos este verán

As primeiras proxeccións do filme, producido por Portocabo e con Touriñán ou Miguel de Lira no elenco, realizaranse en Lourenzá e Mondoñedo.
PROXECCION PELICULA CUNADOS
30 Jun 2021

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo promove proxeccións na rúa da película Cuñados en doce concellos. Lourenzá, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Pantón, Láncara, Taboada, Cervantes, Carballedo, Palas de Rei, Castroverde, A Pastoriza e Muras acollerán as sesións de cine ao aire libre, organizadas coa colaboración de distintas asociacións.

“Desde a área de Cultura apostamos polo cine na rúa e polo audiovisual galego e en galego, como fixemos o ano pasado con Mariña Soliña, ao tempo que contribuímos a ampliar a oferta cultural dos concellos nos meses de verán”, expuxo a vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, na presentación do ciclo, acompañada por Alfonso Pérez Montaña, director de negocio de Portocabo -produtora do filme – e de Xoán Mariño, de Cine na rúa, que se encargará da loxística das proxeccións.

Maite Ferreiro explicou que “con esta xira queremos contribuír a que o filme, que está triunfando nas salas comerciais, chegue aos lugares onde non dispoñen desa oferta cultural, para que tamén neles poidan desfrutar de vela en pantalla grande e de forma colectiva”.

O responsable de Cine na rúa, Xoan Mariño, destacou que “o filme poida verse en sesións de cine na rúa, en vilas e localidades pequenas, ao tempo que segue nos circuítos comerciais é algo inédito xa que, explicou, este tipo de iniciativas non adoitan levarse a cabo ata un ano despois da estrea das películas”.  Pola súa banda, Alfonso Pérez Montaña, agradeceu “o apoio da Vicepresidencia á difusión do cine en galego” e convidou á veciñanza “a botar unhas risas co filme”.

Dirixido por Toño Pérez e cun elenco formado por actores e actrices como Xosé A. Touriñan, Miguel de Lira,  Federico Pérez, Eva Fernández ou  Iolanda Muíños, entre outras, o filme, rodado en plena pandemia en localizacións de Ourense, estase a converter nunha das estreas do ano. Mantense en salas comerciais de Lugo, Coruña e Compostela despois de doce semanas na carteleira.

Calendario de proxeccions

  • 09/07 Lourenzá
  • 11/07 Mondoñedo
  • 15/07 Outeiro de Rei
  • 17/07 Pantón
  • 24/07 A Pastoriza
  • 07/08 Láncara
  • 09/08 Taboada
  • 09/08 Cervantes
  • 25/08 Carballedo
  • 27/08 Muras  
  • 04/09 Castroverde
  • 12/09 Palas de Rei

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.13288402557373