A Deputación da Coruña reforza o apoio aos Concellos ante a regularización de persoas migrantes

A Área de Dereitos Civís habilitou unha guía práctica na súa web e xa formou a máis de 180 profesionais municipais sobre o procedemento, aberto ata o 30 de xuño
DIPU CORU información migrantes
14 May 2026

A Deputación da Coruña, a través da Área de Dereitos Civís, puxo en marcha un dispositivo informativo para apoiar o persoal dos Concellos e das entidades sociais ante o novo proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes, regulado polo Real Decreto 316/2026.

A iniciativa busca ofrecer información clara e ferramentas útiles aos equipos que atenden directamente a cidadanía, especialmente nos servizos sociais municipais, oficinas de padrón, centros de información á muller e entidades que traballan con poboación migrante. O procedemento estatal abriu o prazo de solicitudes o 16 de abril e manterase activo ata o 30 de xuño.

A deputada de Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, explicou que o obxectivo é 'facilitar ferramentas prácticas e seguridade xurídica ao persoal municipal e das entidades sociais que deberá atender consultas relacionadas co novo escenario normativo'. Agra incidiu en que os Concellos son a administración máis próxima á veciñanza e que, nos municipios rurais, moitas veces non existen asociacións ou delegacións especializadas en estranxeiría ás que poidan acudir as persoas interesadas.

Neste contexto, a Deputación xa organizou dúas sesións informativas en liña, impartidas por unha avogada especialista en estranxeiría, nas que participaron máis de 180 profesionais. A maioría das persoas inscritas pertencían ao ámbito do traballo social, que representou máis do 60 % do total, aínda que tamén asistiron perfís de educación social e familiar, psicoloxía, orientación laboral, asesoramento xurídico dos Centros de Información á Muller e persoal doutras entidades sociais.

A Área de Dereitos Civís destacou ademais a presenza de persoal de Administración e Padrón de numerosos Concellos, un ámbito considerado clave porque o empadroamento é un dos elementos fundamentais á hora de acreditar a permanencia no territorio nos procesos de regularización administrativa.

Segundo a Deputación, a convocatoria tivo unha ampla implantación territorial, con participación de profesionais de 67 Concellos da provincia. A asistencia foi especialmente significativa nas áreas de influencia de Santiago de Compostela e da Coruña, aínda que tamén se rexistrou unha importante presenza de persoal técnico de municipios rurais.

Como complemento ás formacións, a institución provincial habilitou un espazo específico na súa páxina web oficial, dentro da sección de Dereitos Civís, no que se pode consultar e descargar unha guía práctica sobre o procedemento. A documentación inclúe información sobre os pasos necesarios, a relación de entidades sociais rexistradas como colaboradoras do Ministerio para a tramitación dos expedientes e diferentes modelos de documentación, entre eles o certificado de vulnerabilidade.

O proceso de regularización extraordinaria está dirixido a persoas estranxeiras que se atopen en situación administrativa irregular e chegasen a España antes do 1 de xaneiro de 2026, así como a persoas que solicitaran protección internacional antes desa mesma data. Entre os requisitos xerais figuran acreditar unha permanencia ininterrompida de polo menos cinco meses no momento da solicitude, carecer de antecedentes penais e non supoñer unha ameaza para a orde pública, a seguridade pública ou a saúde pública.

A Deputación manterá actualizada toda a información dispoñible no caso de que se produzan modificacións no Real Decreto ou nas instrucións que regulan o procedemento, co fin de que o persoal municipal e das entidades sociais poida atender as consultas con criterios homoxéneos e información verificada.

0.28784608840942