'A Derradeira Leición do Mestre' recibiu unhas 17.400 visitas en dous meses

Trátase da exposición máis visitada da historia do Museo de Pontevedra a un mes para o seu peche
a-derradeira-leicion-do-mestre
2 Sep 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez informan de que o cadro de Castelao, “A Derradeira Leición do Mestre”, xa foi visitado por máis de 17.400 persoas, o que converte a esta mostra na máis visitada da historia do Museo de Pontevedra cando aínda falta un mes para a clausura da exposición. No Museo de Pontevedra, o presidente e vicepresidente provinciais fixeron balance dos dous meses de exposición dunha obra que está a contribuír a que este sexa o verán con máis afluencia, 25.350 persoas, dos últimos doce anos dos edificios Castelao e Sarmiento. “Estas cifras agochan moitas lecturas e todas positivas: Que o motor do turismo en Pontevedra e as Rías Baixas está a tirar con máis forza ca nunca, que a apostar por unha programación cultural e artística de calidade xera interese e atrae visitantes e que exhibir por primeira vez na historia deste Museo e da provincia a Derradeira Leición do Mestre de Castelao foi un acerto absoluto”, valorou López diante da obra cedida ao Museo de Pontevedra polo Centro Galicia de Bos Aires.

Desde a apertura da exposición ao público o pasado 25 de xuño, visitaron a sala na que está exposto o cadro e o debuxo orixinal de Castelao “A Derradeira Leición do Mestre” un total de 17.400 persoas. Unha cifra que se incrementa ata as 25.350 persoas se se ten en conta a todas as persoas que participaron nos actos ou actividades programadas e os visitantes que accederon entre xuño e agosto ao complexo arquitectónico que alberga esta mostra: os edificios Castelao e Sarmiento. Unha afluencia histórica nun verán no Museo de Pontevedra que non se acadaba desde había 12 anos. O mes de agosto pechou coa cifra máis alta dos últimos 12 anos, 12.000 visitantes a estes inmobles; pero é que xullo, con 8.300; e xuño, con 5.000; marcan un máximo histórico de afluencia. Ademais houbo xornadas especialmente intensas, coma as do 26 e 27 de agosto nas que se rexistraron a asistencia de 883 e 822 visitas, respectivamente.

“A Derradeira Lección do Mestre convértese na exposición temporal máis visitada de toda a historia desta institución”, remarcou o vicepresidente. “Un dato que confirma que Pontevedra ten un público ávido de cultura e que cando se lle ofrece un proxecto cultural de calidade, a cidadanía responde cunha forza extraordinaria. Durante estas semanas, veciños, veciñas, visitantes de toda Galicia e turistas doutras procedencias elixiron a nosa cidade, en parte, grazas o atractivo desta mostra. Isto confirma que a cultura non é un gasto, nin un luxo prescindible; senón un investimento que xera retorno en prestixio para a cidade, en actividade económica para o comercio e hostalaría e, sobre todo, en enriquecemento colectivo”, engadiu Domínguez.

Con todo, aínda resta un mes para a clausura da exposición e a axenda está repleta de visitas. “Entre o 11 e o 25 de setembro temos pechada a visita de 1.100 estudantes de 15 centros de ESO e Bacharelato de 14 concellos , tres deles de fóra da provincia”, anunciou o presidente, quen convida a todas as persoas que aínda non contemplaron o cadro a facelo. “Aínda están a tempo de facelo e pode que sexa a derradeira oportunidade de contemplar a obra máis transcendental de Castelao na nosa provincia”, insiste López.

Aposta estratéxica da Deputación pola cultura

“A piques de celebrar o seu primeiro centenario, o Museo de Pontevedra está a atravesando un dos seus mellores momentos da súa historia”, sostén o presidente provincial facendo referencia á colaboración con entidades de referencia internacional como Thyssen-Bornemisza na exposición Era das Fábulas —a máis visitada ata que “A Derradeira Leición do Mestre” a superou—, a recuperación da Bienal ou unha programación cultural diversa e de calidade sostida ao longo de todo o ano. “Un traballo rigoroso e unha aposta decidida que está a dar grandes froitos”, resumiu o dirixente.

Pola súa banda, o vicepresidente quixo reafirmar o compromiso da Deputación coa Cultura. “Cremos que as institucións públicas teñen unha responsabilidade. A cultura non pode quedar unicamente en mans da iniciativa privada, é a administración pública quen debe garantir o acceso universal á cultura. Este récord debe lerse como un mandato e un exemplo para seguir apostando pola programación cultural pública coa mesma ambición”, declarou Domínguez.

Co recoñecemento ao labor de todos os responsables do Museo de Pontevedra, encabezado polo vicepresidente provincial Rafa Domínguez, a directora Ángeles Tilve e todo o seu equipo; concluíu o presidente da Deputación o balance dunha mostra histórica que, a falta dun mes para a súa clausura, xa é a exposición temporal máis visitada da historia do Museo de Pontevedra.

0.29450106620789