A DGT identificou en Galicia a 800 persoas que deron positivo en alcol ou drogas ao volante

A campaña especial de vixilancia do consumo de alcol e outras drogas na condución levada a cabo pola Dirección Xeral de Tráfico (DGT) finalizou en Galicia con máis de 800 probas positivas. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil realizaron máis de 32.000 controis do 13 ao 19 de xullo de 2026 na Comunidade Autónoma.
Durante eses sete días, realizáronse en Galicia 31.781 probas de alcol, das que 547 resultaron positivas, o que supón o 1,7% do total. No caso do resto de drogas, efectuáronse 939 probas, con 319 resultados positivos, unha cifra que representa o 34% das realizadas.
Respecto ás estatísticas por provincias, na Coruña fixéronse 17.426 probas, con 448 positivos e alcol e drogas; Lugo rexistrou 152 positivos dun total de 7.085 probas; Ourense, 116 positivos de 4.185, e Pontevedra tivo 150 resultados positivos dun total de 4.024 tests feitos.
O obxectivo desta campaña é concienciar sobre os riscos do consumo de alcol e drogas ao volante, que foi no ano 2024 o segundo factor concorrente máis habitual en sinistros de tráfico. Segundo os datos da DGT, o alcol estivo presente no 12% dos sinistros de 2024; ao mesmo tempo que foi factor concorrente no 28% dos sinistros de tráfico con vítimas mortais, con 273 casos asociados.
O consumo de alcol ten graves efectos sobre a condución e sobre a sinistralidade. O aumento do tempo de reacción, a subestimación da velocidade, así como os problemas de visión e coordinación son consecuencias da inxesta do alcohol. Os accidentes con condutores ebrios tamén se volven moito máis graves co aumento da taxa de alcoholemia, porque o alcol é un factor relacionado co peor prognóstico das feridas.
Controis de alcol e drogas na campaña da DGT de xullo do 2026 en Galicia
