A directora do Museo Arqueolóxico Nacional visita a Domus do Mitreo de Lugo

Isabel Izquierdo Peraile coñeceu os restos da domus romana, o templo dedicado ao deus Mitra e un tramo da muralla, así como os traballos de conservación e investigación deste conxunto patrimonial
A-directora-do-Museo-Arqueolóxico-Nacional-visita-A-Domus-do-Mitreo-Lugo
5 Nov 2026

A directora do Museo Arqueolóxico Nacional, Isabel Izquierdo Peraile, visitou as instalacións da Domus do Mitreo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un dos principais referentes arqueolóxicos do noroeste peninsular. Durante o percorrido, coñeceu os diferentes espazos do museo e os traballos de conservación, investigación e divulgación dos restos que conforman este conxunto, integrado por unha domus romana, un templo dedicado ao deus Mitra e un tramo da muralla de Lugo.

Izquierdo estivo acompañada pola vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC, Ana Cabana Iglesia; a directora do Museo Universitario Domus do Mitreo, María Dolores Dopico Caínzos; a presidenta da Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Carmen Figueiras Lorenzo; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro García; o concelleiro de Turismo e Museos, Agustín Gallego Vigo; e o responsable dos traballos de escavación, Celso Rodríguez Cao.

A visita permitiu intercambiar impresións sobre os retos da conservación do patrimonio arqueolóxico, a importancia da investigación histórica e a necesidade de impulsar iniciativas para achegar á cidadanía o legado romano de Lugo. O encontro tamén puxo de relevo a importancia da colaboración entre institucións culturais, académicas e administracións públicas para protexer e poñer en valor estes bens patrimoniais.

A presenza da responsable do Museo Arqueolóxico Nacional supón un novo recoñecemento institucional á Domus do Mitreo e ao seu papel na investigación, conservación e difusión do patrimonio arqueolóxico.

0.42887616157532