A eclipse de Lúa do día 28 chegará ao momento de máxima ocultación ás 6.13 horas

Ao contrario do que sucede coas eclipses solares, non é necesario protexer a nosa visión para a súa contemplación, explica o coordinador do Observatorio da USC, José Ángel Docobo
eclipse-de-lua
25 Aug 2026

Na madrugada do vindeiro venres día 28 (noite do xoves ao venres) vai ter lugar o derradeiro fenómeno astronómico relevante deste mes de agosto, logo da eclipse solar do pasado día 12 e das Perseidas na noite seguinte. Trátase neste caso nunha eclipse parcial de Lúa á que lle faltará moi pouco para ser total, de feito no máximo da eclipse (6 horas e 13 minutos) un 93% do diámetro do noso satélite natural estará eclipsado pola sombra da Terra. “As eclipses de Lúa prodúcense cando a Terra se coloca exactamente entre o Sol e a Lúa, impedindo que toda ou parte da luz que emite o primeiro lle chegue á segunda. A fase lunar é polo tanto de Lúa chea”, explica o profesor da USC e coordinador do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.

Unindo as tanxentes interiores aos discos solar e terrestre fórmase o chamado cono de penumbra, que se vai abrindo, “en tanto que se facemos o mesmo coas tanxentes exteriores temos o cono de sombra que ao contrario que o outro vaise pechando”, sinala o profesor Docobo. Se cortamos estes dous conos cun plano perpendicular, a liña que une os centros do Sol e do noso planeta, obtéñense dous círculos polos que vai pasar a Lúa. Así, neste caso, a Lúa comezará a entrar ás 3.25 horas no cono de penumbra e ás 4.34 horas farao no cono de sombra, comezando neste intre a eclipse parcial. Esta fase durará ata as 7.51 horas, tendo lugar a máxima ocultación ás 6.13 horas. Finalmente, e seguindo unha secuencia simétrica, a Lúa abandonará o cono de penumbra ás 9.01 horas, dando por rematada a eclipse.

“A fase penumbral normalmente pasa case desapercibida dado que a Lúa segue véndose enteira aínda que lle chega menos luz do Sol, en tanto que cando está xa practicamente dentro do cono de sombra, coma vai acontecer na eclipse do venres, a parte eclipsada amosará unha tonalidade vermella de adoita chamarse Lúa de sangue”, explica Docobo. A responsable de dita coloración é a radiación solar que pasa próxima á Terra e que a nosa atmosfera desvía por refracción cara á Lúa. Ao contrario que sucede coas eclipses solares, nas de Lúa non é necesario protexer a nosa visión para a súa contemplación. O último día do ano 2028 terá lugar unha eclipse total de Lúa na Península.

0.38029289245605