A eclipse solar inicia en Foz a súa ruta divulgativa pola provincia de Lugo

Foz
A Deputación achega información científica en dez concellos e repartirá 35.000 lentes homologadas para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto
Arrancan-as-xornadas-informativas-polo-eclipse-na-provincia
29 Jun 2026

A Deputación de Lugo iniciou este luns en Foz un ciclo de conferencias divulgativas sobre a eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto, unha iniciativa que percorrerá dez concellos da provincia co propósito de achegar información práctica e rigorosa para que a cidadanía poida seguir este acontecemento astronómico con todas as garantías.

A primeira sesión celebrouse no edificio Cenima de Foz e contou coa participación da astrofísica María Fernández, encargada de explicar as características do fenómeno, así como as recomendacións necesarias para unha observación segura. Pola tarde, a especialista ofrecerá unha nova conferencia na Sala Multiusos de Viveiro.

O deputado de Recursos Sostibles e alcalde de Foz, Francisco Cajoto, foi o encargado de dar a benvida ás persoas asistentes e destacou a importancia desta campaña para achegar a divulgación científica á veciñanza. Segundo sinalou, o obxectivo é que todas as persoas interesadas dispoñan da información necesaria para comprender un fenómeno excepcional e poidan contemplalo sen riscos para a vista.

Esta programación forma parte da campaña informativa promovida pola Deputación de Lugo para preparar a provincia ante a eclipse total de Sol. O ciclo arrancou o pasado mes de maio cunha conferencia inaugural celebrada no Pazo de San Marcos e continúa agora cun percorrido por diferentes municipios para facilitar o acceso ao coñecemento científico e resolver as principais dúbidas da poboación.

As seguintes citas celebraranse este martes en Vilalba e Meira; o mércores chegarán á Fonsagrada e Cervantes; o xoves será a quenda de Antas de Ulla e Monforte de Lemos; e o ciclo concluirá o venres con sesións en Quiroga e Sarria. Todas as conferencias son gratuítas e de acceso libre ata completar a capacidade dos recintos.

Ao remate de cada charla, as persoas asistentes recibirán unhas lentes homologadas para observar a eclipse con seguridade, ademais dun folleto informativo con horarios, recomendacións e os mellores puntos de observación.

A campaña complétase coa distribución de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos entre os concellos lucenses, co obxectivo de facilitar que o maior número posible de veciños e veciñas poida contemplar este histórico fenómeno con total seguridade. O material inclúe tamén un código QR que permite acceder a unha páxina web específica da Deputación con información actualizada, recursos divulgativos e consellos prácticos para seguir a eclipse.

0.32074594497681