A Escola Sinsal viaxa no tempo en San Simón coas músicas dos cafés galegos do século XX

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia recuperará as músicas dos cafés e verbenas da primeira metade do século XX, con microconcertos, audicións e gravacións históricas na illa de San Simón do 25 ao 27 de xullo.
SINSAL
18 Jun 2025

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia anunciou as primeiras actividades paralelas da súa programación 2025, que se celebrará do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón, cun cartel artístico que permanece en segredo ata o desembarco do público.

A través do proxecto A Escola Sinsal, a organización propón un viaxe no tempo musical, recuperando repertorios esquecidos e arquivos sonoros históricos para poñer en valor a memoria musical galega.

Unha das grandes propostas deste ano será a participación da Orquesta Clásica de Vigo, que levará á cafetería da illa as músicas interpretadas por músicos de cafés e verbenas na Galicia da primeira metade do século XX. O venres, un sexteto evocará a banda sonora de Canto de emigración (1935), filme galego de vangarda, mentres que sábado e domingo o cuarteto de saxos Rumbantela fará soar os ritmos populares que fixeron bailar xeracións enteiras.

Tamén regresan as coñecidas Sesións San Simón, nas que o investigador Aleks Kolkowski gravará temas en cilindros fonográficos de cera, recreando o proceso de rexistro sonoro de hai máis de cen anos.

O escenario Malmequeres acollerá as sesións de apertura con mesturas realizadas a partir de arquivos analóxicos dos anos 80 e 90, a cargo de Chus Taboada, Eva Izquierdo, Marco Maril, Isabel Díaz e Pedro Blázquez.

Ademais, a exposición de banda deseñada de A Escola Sinsal amplíase con novas personaxes da historia da música galega, como Ana Kiro, Reveriano Soutullo, Mercedes Mariño ou Ernesto Lecuona, cuxas biografías serán representadas por artistas do cómic galego. Este ano, a mostra poderá visitarse ao aire libre en diferentes espazos da illa.

Os abonos e entradas para o venres 25 e sábado 26 están esgotados, pero aínda hai entradas dispoñibles para o domingo 27, a través da plataforma Enterticket.

⚙ Configurar cookies
0.23046898841858