A Estratexia Galega de Enfermidades Raras mellora a accesibilidade ás terapias farmacolóxicas

A Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 sitúa os resultados en saúde como un dos seus eixes transversais e incorpora unha liña específica para mellorar a accesibilidade ás terapias farmacolóxicas.
Así o destacou o director xeral de Integración e Innovación Asistencial do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, na inauguración do Foro Rexional de Enfermidades Raras, Innovación en medicamentos para Enfermidades Raras: resultados en saúde e valor social, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago.
O representante da Xunta referiu que esta Estratexia foi concibida como a folla de ruta para seguir avanzando na atención a estas patoloxías. O seu obxectivo é mellorar os resultados en saúde, reforzar unha atención integral e multidisciplinar, avanzar no diagnóstico, facilitar o acceso ás terapias e, ademais, consolidar a investigación, a formación e a participación dos pacientes como elementos clave do modelo asistencial.
Segundo puxo en valor o director xeral, Galicia xa conta con avances consolidados como as unidades funcionais multidisciplinares de enfermidades raras, o Rexistro Galego de Enfermidades Raras ou o desenvolvemento do diagnóstico xenético.
Ademais, o plan aposta por avaliar os resultados asociados aos medicamentos orfos, potenciar a investigación, favorecer a participación en ensaios clínicos e terapias avanzadas e avanzar tamén en modelos vencellados aos resultados obtidos.
Para concluír a súa intervención, Alfredo Silva incidiu en que encontros coma este son especialmente útiles, posto que permiten poñer en común a visión da Administración, dos profesionais, dos pacientes e da industria co obxectivo de que a innovación en medicamentos se traduza en mellores resultados en saúde e nun maior valor para a sociedade.