A experta en Lingüística Computacional Maite Taboada ingresa na RAGC

A RAGC celebrou no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso da lingüista computacional María Teresa Taboada Gómez (Madrid, 1970), de pais lucenses, como académica correspondente da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación da institución. Doutora en Lingüística Inglesa pola Universidad Complutense de Madrid, é Catedrática Distinguida de Lingüística na Universidade Simon Fraser de Vancouver (Canadá), da que foi vicedecana de Investigación da facultade de Artes e Ciencias Sociais. Na universidade canadense é profesora adxunta no Programa de Ciencia Cognitiva do departamento de Informática e directora do Laboratorio de Procesamento do Discurso. Desde 2022 é Fellow of the Royal Society of Canada, a maior distinción académica que se outorga no país.
O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; o xerente do Servizo Galego de Saúde, Luís León; a reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López; a decana da facultade de Química da Universidade de Vigo, María de los Ángeles Peña; a directora da Escola de Enfermaría de Ourense, Milagros Fernández; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.
O presidente sinalou que a nova académica “fixo da linguaxe o fío condutor dunha carreira científica de gran proxección internacional. A súa traxectoria amosa ata que punto o coñecemento profundo da linguaxe resulta imprescindible para comprender e mellorar as tecnoloxías que están transformando a nosa sociedade”. Lema salientou que “a experiencia dunha investigadora que combina lingüística, computación e intelixencia artificial pode resultar especialmente valiosa para Galicia e para o galego, tanto para comprender os cambios que xa están en marcha como para contribuír ao desenvolvemento de ferramentas e recursos que aseguren unha presenza plena da nosa lingua nas tecnoloxías do futuro”.
Taboada: “A lingüística tamén é ciencia e tecnoloxía”
No seu discurso de ingreso, titulado “A lingüística éo todo: ciencia, tecnoloxía, humanidades e ciencias sociais”, a experta reflexionou sobre como a lingüística e as linguas vivas son parte fundamental de todas as áreas do coñecemento. Puxo de relevo que “non se pode entender o estudo da lingua sen entender o seu contexto social, como os seres humanos nos comunicamos e como empregamos a lingua para organizarnos en sociedades”. Destacou que “ademais das humanidades e as ciencias sociais, na era da intelixencia artificial non é difícil defender que a lingüística é tamén ciencia e tecnoloxía. A aparición dos grandes modelos da linguaxe deixa moi claro que a IA moderna fndaméntase en sistemas de abstracción da lingua viva, a lingua que falamos, unha abstracción baseada en construír modelos matemáticos a partir de textos producidos por seres humanos”.
Na súa intervención, a nova académica centrouse no seu actual campo de estudo, a lingüística computacional. Traballa en particular no tratamento dos comentarios en internet. Nesta liña, lidera, en colaboración cunha filial de Google, o desenvolvemento dun software destinado a moderar os comentarios das noticias na rede. A finalidade desta plataforma é distinguir os xuízos construtivos dos tóxicos, que se empregan para insultar, difamar ou desinformar. “Neste proxecto, no que aínda estamos a traballar, o descubrimento máis importante foi que os comentarios tóxicos son moi difíciles de detectar de xeito automático. Decatámonos de que as valoracións negativas adoitan ir envoltas en palabras positivas, empregando a linguaxe como ferramenta de persuasión e manipulación. O que máis me interesou foi como se utiliza a linguaxe nas valoracións negativas para eludir os sistemas automatizados de detección de toxicidade, así como a forma en que se pode empregar para identificar a desinformación” -explicou a experta-.
A nova académica concluíu así o seu discurso: “Non saben a ilusión que lle fai a esta lingüista que estudou filoloxía ingresar nunha Academia de Ciencias. Porque a lingüística éo todo”.
Senén Barro, académico e experto en IA: “Pedímosche que nos axudes a conseguir que Galicia e o galego formen parte da vangarda das tecnoloxías da linguaxe”
O encargado de realizar a laudatio foi o académico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial e director do CiTIUS. Indicou que o traballo de Maite Taboada céntrase en “ensinarlles ás máquinas a entender non só o que dicimos, senón tamén como o dicimos: se estamos a favor ou en contra, se somos irónicos, se construímos un argumento ou só insultamos, ou se un comentario nun xornal dixital achega algo á conversa ou a envelena”. O catedrático lembrou que a nova académica ten asesorado a Comisión Europea e o Departamento de Asuntos Políticos das Nacións Unidas neste eido.
“O seu traballo axúdanos a entender como nos comunicamos, como transmitimos opinión e avaliación, e como podemos manter conversas máis sas, dentro e fóra da rede. Converteu a lingüística computacional nunha ferramenta para mellorar a saúde da conversa pública” -salientou Barro-.
“Pedímosche que nos axudes a conseguir que Galicia e o galego formen parte da vangarda das tecnoloxías da linguaxe. Unha lingua minoritaria e minorizada como o galego terá un mal futuro se non somos capaces de facer que forme parte da sociedade e da economía dixitais. Non se trata só de que as máquinas poidan manexar o galego con soltura, senón de que a nosa idiosincrasia estea igualmente presente nos modelos de linguaxe que xa forman parte inseparable da nosa maneira de informarnos, aprender e traballar” -concluíu o catedrático-.