A exposición colectiva ‘Bo Camiño’ regresa a Arzúa coa súa décima edición

A mostra, dedicada á interpretación artística do Camiño de Santiago, poderá visitarse na Capela da Madanela ata o 5 de setembro
Inauguración-exposición-Bo-Camiño-Arzua
3 Aug 2026

A programación cultural de verán do Concello de Arzúa continuará a próxima semana coa apertura dunha nova edición de Bo Camiño, a exposición colectiva e multidisciplinar que este ano alcanza a súa décima edición.

A mostra abrirá as súas portas o luns 10 de agosto na Capela da Madanela e reunirá o traballo de 25 artistas profesionais galegos que ofrecen a súa particular visión do Camiño de Santiago a través da pintura, a escultura e outras disciplinas artísticas. As obras afondan en aspectos como a paisaxe, o patrimonio histórico e a dimensión espiritual da ruta xacobea.

O acto inaugural celebrarase ás 19.30 horas e a exposición poderá visitarse ata o 5 de setembro. O horario de apertura será de martes a sábado entre as 19.00 e as 21.00 horas.

Entre os participantes figuran creadoras locais como Rebeca Novo, María José Plata e Silvatiica, xunto a outros nomes destacados da escena artística galega como Antonio Abad, Abel Barandela, Jorge Espiral, Lomarti, Fernando Yáñez ou Camilo Seira. A mostra está comisariada por Cristina Carballedo.

Desde o Departamento de Cultura destacan a boa acollida que están a ter as actividades expositivas incluídas na programación estival, que se achega xa ás 2.000 visitas. O concelleiro de Cultura, José Luís García, animou á veciñanza e aos visitantes a achegarse a esta proposta, que considera xa unha referencia consolidada dentro da oferta cultural anual do municipio.

0.39577412605286