A exposición itinerante 'José Suárez, vida e obra' inaugúrase no marco do Día das Artes Galegas 2026

A mostra, dedicada ao fotógrafo de Allariz, poderá visitarse ata o 31 de maio en espazo público ao aire libre
Pazo-San-Marcos-Lugo
5 May 2026

A Real Academia Galega de Belas Artes inaugura en Lugo este mércores 6 de maio ás 17.00 horas a exposición itinerante 'José Suárez, vida e obra', unha iniciativa incluída na programación do Día das Artes Galegas, que nesta edición rende homenaxe ao fotógrafo galego máis internacional.

A mostra instalarase na rúa San Marcos, fronte á Deputación, e poderá visitarse ata o 31 de maio. Trátase dunha proposta deseñada para espazos públicos ao aire libre, que combina fotografías, textos e un coidado deseño para ofrecer unha visión ampla da traxectoria e da creatividade do artista.

Nado en Allariz en 1902, José Suárez desenvolveu unha carreira marcada pola vangarda e polo exilio, cunha sólida formación intelectual e un pensamento liberal. Ao longo da súa vida relacionouse con destacadas figuras da cultura española como Unamuno, Blanco Amor, Seoane ou Alberti, así como con referentes internacionais como Akira Kurosawa. A súa obra, influída pola Nova Obxectividade, caracterízase por unha mirada moderna e reflexiva, centrada na figura humana e afastada do folclorismo, en sintonía coas correntes europeas máis innovadoras.

A exposición, comisariada polo académico Xurxo Lobato, está composta por 16 paneis distribuídos en catro estruturas metálicas de 140 por 210 centímetros. Neles inclúense textos de autores como Luis Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendón, Xosé Luis Suárez Canal, Domingo García-Sabell, Miguel de Unamuno, José Bergamín, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio López Mondéjar, Carlos Casares ou Lois Tobío.

Tras esta primeira parada, a mostra continuará o seu percorrido por outras localidades galegas como A Coruña, A Guarda, Vigo, Ribeira, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela. A iniciativa está organizada pola Academia coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación.

Os asistentes á inauguración recibirán como agasallo un póster cunha fotolitografía de José Suárez. Ademais, esta actividade forma parte da celebración do Día das Artes Galegas, unha conmemoración impulsada pola Academia desde 2015 que se celebra cada 1 de abril, coincidindo coa data na que o Mestre Mateo dirixiu en 1188 a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Na edición de 2025, a figura homenaxeada foi Isaac Díaz Pardo.

0.32496690750122