A fábrica de Indra nas Pontes poderá producir 80 vehículos militares ao ano e prevé crear ata 120 empregos directos

A fábrica deu este mércores un novo paso cara á súa posta en marcha coa presentación oficial dun proxecto que aspira a converterse nun dos referentes da industria de defensa en Galicia
presentacion-indra-as-pontes
28 Oct 2026

A nova planta da compañía no polígono industrial de Penapurreira suporá un investimento inicial de preto de 18 millóns de euros e comezará en 2027 coa integración de vehículos lanzapontes para o Exército de Terra. O proxecto busca reforzar a diversificación industrial da comarca e conta con capacidade para ampliar as instalacións con outras dúas naves.

A fábrica de Indra nas Pontes deu este mércores un novo paso cara á súa posta en marcha coa presentación oficial dun proxecto que aspira a converterse nun dos referentes da industria de defensa en Galicia. A instalación terá capacidade para producir ata 80 vehículos militares ao ano cando alcance o seu nivel óptimo de actividade e prevé xerar entre 70 e 120 empregos directos cualificados, aos que se engadirán os postos de traballo vinculados á cadea de provedores e empresas auxiliares.

O acto contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; do presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; e do conselleiro delegado de Indra Group, Josep Maria Recasens, entre outras autoridades. As intervencións estiveron marcadas polas referencias ao accidente ferroviario ocorrido en Urda (Toledo).

A nova factoría sitúase no polígono industrial de Penapurreira, nunha parcela de 52.872 metros cadrados, dos que 13.730 corresponden a superficie construída. A empresa destinará arredor de 18 millóns de euros á adecuación das instalacións, que contarán con tecnoloxía avanzada, sistemas de dixitalización e ferramentas de intelixencia artificial.

A actividade comezará en 2027 coa integración dos vehículos lanzapontes (VLP) destinados ao Exército de Terra. Nos meses posteriores incorporarase a produción dos Vehículos Anfibios de Combate de Infantaría de Mariña (VACIM), mentres que os sistemas de artillaría autopropulsada sobre rodas se sumarán ao proxecto en 2029.

A previsión da compañía é alcanzar unha capacidade de 80 vehículos anuais cando a fábrica funcione a pleno rendemento. Para iso, disporá de tres liñas paralelas de montaxe, unha zona de almacenamento interior e talleres de electrónica nos que se traballará cos sistemas que integrarán as distintas plataformas militares.

As instalacións completaranse cunha área exterior de pintura e probas de 5.200 metros cadrados, unha pista de rodadura de case 15.000 metros cadrados e unha explanada de 7.000 metros cadrados para almacenar vehículos.

O primeiro modelo que se integrará na planta será o lanzapontes, un vehículo táctico de dez rodas capaz de despregar unha ponte de 24 metros para facilitar o paso de carros de combate, vehículos blindados e camións por zonas con fendas ou gabias. Indra producirá un total de 32 sistemas deste tipo para o Exército de Terra, cada un composto por un vehículo principal e outro auxiliar.

Posteriormente chegará o Vehículo Anfibio de Combate de Infantaría de Mariña, baseado na plataforma SUPERAV 8x8 da empresa IDV, pertencente ao grupo Leonardo. Este vehículo está deseñado para operar tanto na auga como en terra e pode transportar dez soldados e tres tripulantes, mesmo en condicións marítimas adversas. A compañía prevé entregar 34 unidades, aínda que as primeiras se fabricarán en Italia antes de trasladar a produción a España.

A terceira fase incluirá os Obuses Autopropulsados sobre Rodas (ATP Ruedas), vehículos de dez rodas equipados cun canón de 155 milímetros e 52 calibres, cun alcance que pode superar os 56 quilómetros. Indra ten previsto entregar 186 unidades nas súas distintas versións, incluídas as destinadas á munición e á recuperación.

Formoso destaca a cooperación institucional

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, puxo en valor a colaboración entre as distintas administracións, a empresa e os axentes económicos e sociais para facer realidade a chegada de Indra ao municipio.

«Se se traballa así, este país é imparable», afirmou durante a presentación, na que lembrou que o proxecto é froito de máis de dous anos de xestións e traballo compartido. Formoso agradeceu a implicación do Goberno central, da Xunta, da Deputación e do Concello, así como a colaboración do tecido empresarial e dos propietarios dos terreos.

O rexedor salientou que a implantación da compañía supón unha oportunidade para diversificar a economía local, especialmente despois do peche da central térmica, e para crear emprego cualificado que permita á veciñanza desenvolver o seu futuro profesional na comarca sen ter que marchar.

Formoso tamén subliñou que a planta dispón de marxe para crecer, xa que o espazo permite levantar outras dúas naves de características semellantes. Esa ampliación podería facilitar a creación de centos de empregos directos nos próximos catro ou cinco anos. «Isto é só o comezo», asegurou.

O alcalde vinculou esta iniciativa a outras oportunidades industriais que se abren nas Pontes, entre elas o proxecto anunciado por SAIC-MG e a dispoñibilidade de novos terreos para actividade económica, como os 110.000 metros cadrados recuperados nas antigas instalacións de Einsa.

O conselleiro delegado de Indra Group, Josep Maria Recasens, defendeu a necesidade de transformar o sector da defensa en España para superar a súa fragmentación e reforzar a súa posición no mercado europeo. Segundo explicou, a fábrica das Pontes formará parte do corredor industrial do norte da compañía, centrado nos vehículos militares, mentres que os corredores do centro e do sur estarán especializados en drons e radares, respectivamente.

Recasens rexeitou a idea de que Indra vaia asumir por si soa todo o traballo. Como exemplo, sinalou que a compañía é responsable do 30 % do vehículo 8x8, mentres que o 70 % restante corresponde ao conxunto da industria nacional de defensa. A empresa, asegurou, actúa como elemento tractor para mobilizar provedores, empresas tecnolóxicas e outros axentes industriais.

O director de comunicación de Indra, Miguel López, incidiu en que a instalación das Pontes non será simplemente unha fábrica, senón unha nova capacidade estratéxica que permanecerá en Galicia durante décadas.

A compañía está a desenvolver o maior proceso de industrialización da súa historia, cun investimento global de 200 millóns de euros e o obxectivo de crear 1.000 empregos industriais e 1.400 postos de enxeñaría en distintos puntos do territorio.

A Xunta ve unha oportunidade para Galicia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que a planta xa sexa unha realidade tras un procedemento que cualificou de complexo. O mandatario autonómico tamén defendeu a necesidade de contar cunha empresa tractora capaz de impulsar o conxunto do sector, pero insistiu en que o proxecto debe beneficiar a todo o tecido produtivo galego.

Rueda destacou a importancia de incorporar pequenas empresas, reforzar a formación profesional e adaptar os centros educativos ás necesidades de persoal cualificado que xurdan coa expansión da industria de defensa.

Neste sentido, lembrou a iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta, que pretende mobilizar 900 millóns de euros e prestar especial atención ás pequenas empresas. Tamén avanzou que os orzamentos autonómicos para 2027 prevén case 20 millóns de euros destinados a reforzar o apoio tecnolóxico, as axudas empresariais e a colaboración entre os distintos axentes.

O presidente autonómico engadiu que a situación xeográfica de Galicia, tradicionalmente considerada unha desvantaxe, pode converterse agora nunha oportunidade pola proximidade aos portos e ás rutas de transporte.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu a Indra a confianza depositada na comunidade e destacou que a cooperación institucional permite aproveitar a experiencia industrial acumulada nas Pontes.

A chegada da factoría abre así unha nova etapa para o municipio e a comarca, coa expectativa de atraer investimentos, ampliar a actividade industrial e xerar emprego cualificado arredor dun sector que busca gañar peso en Galicia e no conxunto de Europa.

0.40153288841248