A Federación Galega de Espeleoloxía conmemora o Día da Muller con Espeleomuller en Mondoñedo

A Federación Galega de Espeleoloxía (FGE) celebra o Día Internacional da Muller cun evento especial en Mondoñedo (Lugo) o próximo sábado 8 de marzo. Baixo o nome de Espeleomuller, a federación busca visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres nesta disciplina deportiva.
Durante a xornada realizaranse visitas á Cova do Rei Cintolo, a maior cavidade subterránea de Galicia, e os espeleólogos federados poderán participar no percorrido especial "Bucle circular Viana-Niphargus".
Ás 18:30 horas, terá lugar a proxección do documental "Espeleoloxía: substantivo feminino", no que se rende homenaxe ás mulleres que marcaron a historia da espeleoloxía en Galicia. Recoñecerase o traballo de pioneiras como Lourdes Castiñeira, exploradoras como Inma Pumares, e deportistas de alto nivel como María Luisa Barros.
A espeleoloxía galega é unha disciplina na que destaca unha alta participación feminina, moi superior á media noutros deportes. A FGE conta cun 35% de mulleres federadas e a súa presenza é notable en todos os ámbitos da federación. No ámbito da competición, o 70% das participantes son mulleres, e na Xunta Directiva da FGE existe paridade, cun 50% dos cargos ocupados por mulleres.