A Feira do 48 de Cántigas e Frores regresa este sábado á Praza Maior cunha xornada de música e tradición

A Feira do 48 de Cántigas e Frores celebrará finalmente a súa nova edición este sábado, 26 de setembro, na Praza Maior de Lugo, despois de ter que aprazar a cita en dúas ocasións polas condicións meteorolóxicas. A entidade cultural recupera así unha das súas principais celebracións cunha programación centrada na música, o baile tradicional, a artesanía e a cultura galega.
Desde a organización destacan que "a choiva fíxonos cambiar de plans dúas veces pero as nosas ganas de festa seguen intactas" e animan a veciñanza a achegarse á Praza Maior para participar nunha xornada pensada para todas as idades.
A actividade comezará ás 9:48 horas coa apertura da feira de artesanía. Ás 10:48 horas terá lugar o pregón, que correrá a cargo do escritor Toño Núñez, antes de dar paso, ás 11:48 horas, a unha mostra de baile tradicional de Cántigas e Frores, na que participarán os seus grupos de baile, cantareiros, cantareiras e a Murga.
A partir das 12:48 horas chegará a sesión vermú, protagonizada polos Cantareiros de Cántigas e Frores e Os Picurruchos. Os Cantareiros celebran ademais dez anos de traxectoria musical, polo que a súa actuación servirá para poñer ritmo á parte central da xornada.
A programación da tarde retomaráse ás 16:48 horas coa reapertura da feira de artesanía, acompañada da actuación do Coro Galego de Cántigas e Frores. Unha hora despois, ás 17:28 horas, a Banda de Gaitas e Percusión de Cántigas e Frores percorrerá a zona nun pasarrúas.
O público familiar terá tamén o seu espazo ás 18:48 horas, cun espectáculo de monicreques a cargo de Os Monifates. A continuación, ás 19:48 horas, Ismael Rodríguez impartirá un obradoiro de baile tradicional.
Rodríguez leva formándose nesta disciplina desde 2006, cando comezou no GMBT Rebulir, e conta con experiencia en diferentes agrupacións e colaboracións con artistas vinculados á música e ao baile tradicional galego. Ao longo da súa traxectoria participou tamén en encontros e festivais internacionais.
A partir das 20:48 horas, a música tomará o protagonismo coa programación de concertos, que contará coa Murga de Cántigas e Frores, Murguinsky e Pansenfron.
A proposta busca recuperar unha cita cultural vinculada á tradición galega e ofrecer durante toda a xornada un punto de encontro arredor da música, o baile, a artesanía e outras expresións da cultura popular.
A Feira do 48 conta coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O cartel desta edición foi deseñado por Lucía Piñeiro Estévez.