A Feira do Mel da Montaña reunirá as mellores producións da comarca este sábado no Viveiró

Abrirá ás 11.00 horas e contará con postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade, entre eles sete postos de apicultores e apicultoras de Muras e da contorna
presentacion-feira-do-mel-muras
20 Nov 2026

Muras celebra este sábado,  21 de novembro, a décimo primeira edición da Feira do Mel de Montaña, organizada polo Concello de Muras coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

A feira, que abrirá ás 11.00 horas na Praza do Viveiró, contará con postos de venda de mel e doutros produtos de temporada e proximidade, entre eles sete postos de apicultores e apicultoras de Muras e da contorna.

A calidade do mel das producións locais valorarase na tradicional cata, na que se elixirán as mellores colleitas da comarca. Tamén se ofrecerán charlas divulgativas sobre o control da varroa e sobre as axudas e subvencións para o sector apícola.

O recinto estará animado durante toda a xornada, cunha demostración de cociña a cargo de Cris Tizón, de 12.00 a 13.00 horas, e outra demostración orientada á cativada pola tarde, ás 15.30 horas. A actuación da Banda de Música de Vilalba, unha liscada popular e as actuacións de Fol do Raxal e Entre Lusco e Fusco completan o programa ata o peche da feira.

O alcalde de Muras Manuel Requeijo destacou a traxectoria da feira “que xurdiu co propósito de dinamizar esta zona do concello e poñer en valor as producións locais e que se consolidou como unha feira de referencia para o sector” e subliñou “a importancia de continuar impulsando o recoñecemento da calidade das producións con iniciativas como a Marca Muras”, un marca colectiva promovida polo Concello para identificar, diferenciar e promocionar os produtos propios.

O deputado de Rural Daniel García reafimrou “o apoio da Vicepresidencia da Deputación a iniciativas que apostan pola produción de alimentos de proximidade e a diversificación produtiva no sector primario, neste caso, unha actividade como a apicultura que xera rendas complementarias para as persoas que viven no rural e contribúe ao mantemento do medio natural”.

CONSULTA O PROGRAMA

0.99929189682007