A Festa do Polbo do Carballiño presenta en Madrid a súa 63ª edición, dedicada á localidade italiana de Noventa Padovana

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta mañá a presentación oficial da 63ª edición da Festa do Polbo do Carballiño, unha das grandes citas gastronómicas do verán galego, declarada de Interese Turístico Internacional. O acto estivo presidido polo director da entidade, Luis E. Ramos, acompañado por José Manuel Dacal, concelleiro de Turismo; José Castro, tenente alcalde do Carballiño; Davide Iafelice, concelleiro, e Marcello Bano, alcalde de Noventa Padovana (Italia).
Durante o seu discurso, Ramos destacou que "o polbo é unha das sinais de identidade da gastronomía galega, cociñado e preparado dunha forma moi sinxela, converteuse nun dos produtos estrela". Subliñou tamén que esta festa permite poñer en valor a gastronomía galega, reforzando a marca Galicia Calidade e proxectando a identidade cultural e turística de Galicia.
Un dos momentos máis aplaudidos do acto foi a demostración en directo da preparación do polbo á feira a cargo dunha pulpeira profesional desprazada desde O Carballiño, que amosou ao público madrileño a autenticidade desta tradición culinaria.
A Festa do Polbo 2025 celebrarase o 10 de agosto, con actividades culturais, música e degustacións masivas, consolidándose como unha festa referente da cultura popular galega. Nesta edición, estará dedicada á localidade italiana de Noventa Padovana, que tamén celebra a súa propia Festa do Polbo, reforzando os lazos culturais entre ambos territorios.
A través deste tipo de actos, a Casa de Galicia e a Xunta reafirmaron o seu apoio á difusión das festas tradicionais como motores de desenvolvemento económico, turístico e cultural.