A Festa dos Maios regresará o 1 de maio á Praza da Ferraría de Pontevedra

A Praza da Ferraría de Pontevedra acollerá o vindeiro 1 de maio unha nova edición da tradicional Festa e Concurso dos Maios, organizada pola Concellaría de Festas co obxectivo de preservar o patrimonio cultural e fomentar o interese polas tradicións populares.
A xornada festiva dará comezo ás 11:00 horas co acto de “Benvida ao maio”, que este ano contará co pregón da actriz e directora teatral Andrea Bayer, vinculada á compañía Baobab Teatro e cunha ampla traxectoria no ámbito escénico.
O concurso mantén aberto o prazo de inscrición ata o 30 de abril a través da sede electrónica municipal e conta cun orzamento global de 6.250 euros. Cada maio admitido recibirá unha achega de 150 euros pola súa participación.
Ademais, entregaranse premios nas distintas categorías —maio tradicional, cantigas, interpretación e coroa— con galardóns que van dos 350 aos 100 euros para os catro primeiros clasificados en cada modalidade, así como un premio especial do xurado valorado en 300 euros.
As bases establecen que os maios deberán respectar o rigor da tradición pontevedresa, cunha forma cónica de entre 1,5 e 2 metros de altura e decorados exclusivamente con elementos naturais como fiúncho, pampillos, margaridas, laranxas, ovos, calas ou camelias.
Como novidade e co obxectivo de transmitir este patrimonio ás novas xeracións, o Concello promoveu tamén un obradoiro de maios no que participaron colectivos e parroquias como Campañó, Tomeza, Xunqueira I e A Pedreira.