A Fiscalía galega abre dilixencias polos cambios nas seccións do TSXG e traslada o caso ao Supremo

A denuncia fora presentada por unha vintena de colectivos integrados na Coordinadora Eólica Así Non
Imaxe recurso de eólicos
1 Jun 2026

A Fiscalía Superior de Galiza abriu dilixencias de investigación preprocesual por un presunto delito de prevaricación relacionado cos recentes cambios efectuados nas seccións do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Así llo comunicou a varios membros da Coordinadora Eólica Así Non, promotora dunha das denuncias presentadas nas últimas semanas.

Porén, a Fiscalía galega acordou inhibirse a favor da Fiscalía do Tribunal Supremo ao considerar que as persoas denunciadas teñen a condición de aforadas ante a Sala Segunda do alto tribunal estatal. Deste xeito, será o Supremo o encargado de decidir sobre a continuidade das investigacións.

A denuncia fora presentada por unha vintena de colectivos integrados na Coordinadora Eólica Así Non, que solicitaron ao Ministerio Fiscal que investigase se a decisión da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, Azucena Recio, de trasladar os litixios eólicos da Sección Terceira á Segunda podía constituír un delito de prevaricación recollido no artigo 446 do Código Penal.

Os colectivos denuncian que o cambio de competencias sobre autorizacións de proxectos eólicos e liñas de alta tensión se realizou sen modificar previamente as normas de reparto aprobadas polo propio TSXG no ano 2023 e en contra do criterio manifestado pola Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo.

Segundo sostén a Coordinadora, a modificación tamén contradí resolucións anteriores da propia Sección Terceira, que xa rexeitara inhibirse a favor da Segunda pese ás peticións formuladas pola Xunta de Galicia e por empresas do sector eólico implicadas nos procedementos xudiciais.

Desde Eólica Así Non consideran que estas alteracións no reparto de asuntos, xunto co traslado de maxistrados e maxistradas da Sección Terceira, responderían ao interese expresado pola Xunta e polas compañías promotoras dos proxectos eólicos nos procedementos relacionados coas autorizacións de infraestruturas eléctricas.

Ademais da denuncia presentada na Fiscalía, os colectivos tamén rexistraron escritos de queixa ante a presidencia do TSXG e o Consello Xeral do Poder Xudicial, organismos dos que aseguran que aínda non recibiron resposta.

Entre as organizacións denunciantes figuran ADEGA, CIG, SLG, FRUGA, ORGACCMM, ACOUGA, Amigas da Terra, Asociación Vento Libre, Asociación Fonte Seca, Asociación Tarabelada, A.C.I.B.A.L., Plataforma Eólicos no Morrazo Non, Cerdido Di Non, Ortegal Di Non, a Asociación de Veciños do Couzadoiro, Asociación Lobo, Nova Escola Galega, Amigos do Patrimonio de Castroverde e a Asociación Veciñal Agra do Orzán.

0.34395813941956