A folga no comercio do metal de Pontevedra queda pendente de desconvocarse tras o aval da asemblea

A asemblea de persoas traballadoras do comercio do metal da provincia de Pontevedra decidiu respaldar a proposta económica presentada pola patronal e apostar pola desconvocatoria da folga prevista no sector.
Segundo informou CCOO Servizos Galicia, a oferta inclúe incrementos salariais do 2,9 % para 2025 e do 3 % para 2026, ademais dunha cláusula de revisión vinculada ao IPC, considerada polo sindicato como un elemento clave para protexer o poder adquisitivo do persoal.
CCOO valora de forma positiva o avance na negociación, ao entender que permite superar a situación de bloqueo existente e abrir a vía para pechar un acordo que dea estabilidade ao convenio nos anos 2025 e 2026.
O sindicato sostén que a mobilización das últimas semanas e a convocatoria de folga foron determinantes para desbloquear a negociación e forzar unha proposta por parte da patronal.
A decisión da asemblea será trasladada formalmente á reunión da mesa negociadora prevista para o vindeiro 7 de xullo. Ademais, as partes comprometéronse a retomar as negociacións en setembro para abordar as materias pendentes e sentar as bases do futuro convenio a partir de 2027.