A Fonsagrada apraza a XII Ruta dos Lobos ata abril de 2027

O Concello da Fonsagrada anunciou o aprazamento da XII Ruta dos Lobos, unha proba ciclista que estaba prevista para o próximo 19 de setembro e que finalmente se celebrará o 10 de abril de 2027.
A decisión responde á necesidade de realizar unha adecuación do percorrido, co obxectivo de garantir as condicións de seguridade dos participantes e ofrecer a todos os ciclistas a mellor experiencia posible durante a proba.
Desde o Concello recoñecen que se trata dunha decisión que "non foi fácil", pero consideran necesario pospoñer a celebración do evento para poder acometer os traballos necesarios no trazado.
A nova data fixada para a XII Ruta dos Lobos permitirá, ademais, recuperar a época do ano na que tradicionalmente se viña celebrando esta proba desde os seus comezos.
As persoas que xa formalizaron a súa inscrición e que desexen participar na nova data non terán que realizar ningún trámite, xa que a súa praza quedará automaticamente reservada para o 10 de abril de 2027.
Pola contra, aquelas persoas que non poidan participar na nova data e que prefiran solicitar a devolución da inscrición poderán facelo escribindo ao correo electrónico consulta@championchipnorte.com.
O Concello da Fonsagrada lamentou os inconvenientes que este cambio poida ocasionar e agradeceu a comprensión dos participantes ante unha modificación motivada pola intención de garantir a seguridade e as condicións axeitadas para o desenvolvemento da proba.