A Fundación Breogán de Lugo recibe o 14º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco

A Fundación Breogán recibiu o 14º Premio Dano Cerebral Galicia - Miguel Blanco, un recoñecemento que distingue o labor de entidades comprometidas coa inclusión social das persoas con discapacidade. A presidenta da fundación, Nuria Varela-Portas de Orduña, recolleu o galardón das mans da vicepresidenta de Dano Cerebral Galicia, Laura Abeledo Lameiro, nun acto ao que tamén asistiu o director da Fundación Breogán, Luis Abel.
Durante a entrega, Abeledo Lameiro explicou que a Fundación Breogán foi merecedora do premio polo seu compromiso coa inclusión social, coa igualdade de oportunidades e coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. A vicepresidenta destacou que o traballo da entidade lucense demostra que o deporte pode ir máis alá da actividade física, converténdose nunha ferramenta real de inclusión para distintos colectivos, entre eles as persoas con dano cerebral adquirido.
Abeledo Lameiro aproveitou tamén a súa intervención para reclamar un maior respaldo institucional a este tipo de iniciativas. Neste sentido, subliñou que son necesarias “políticas públicas, recursos e compromisos que se traduzan en cambios reais” para avanzar cara a unha accesibilidade universal real. Segundo indicou, o movemento asociativo pode impulsar e acompañar estes procesos, pero non pode substituír a responsabilidade que lles corresponde ás administracións públicas á hora de garantir a igualdade de oportunidades.
Pola súa banda, Nuria Varela-Portas de Orduña agradeceu a distinción lembrando a orixe do club, fundado polo seu pai co propósito de crear un espazo de participación e converterse nun referente asociativo para a xente máis nova a través da promoción do deporte. A presidenta destacou así mesmo a colaboración que mantén a Fundación Breogán con Dano Cerebral Lugo no ámbito da inclusión, e aproveitou a ocasión para felicitar a esta última entidade polo seu vixésimo aniversario.