A Fundación Carlos Casares convoca a segunda edición do concurso escolar "Memes polo galego"

A Fundación Carlos Casares pon en marcha a segunda edición do concurso escolar Memes polo galego, unha iniciativa destinada a fomentar o uso da lingua propia entre a mocidade a través do humor e das ferramentas de comunicación que emprega habitualmente. Baixo o lema «Falar galego ten aura», a convocatoria está aberta ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros educativos galegos durante o curso 2026-2027.
O certame forma parte do proxecto «Dende o galego, con humor», que busca achegar a lingua galega á xente nova mediante formatos próximos á súa realidade cotiá e seguindo a tradición do humor retranqueiro que caracterizou a obra de Carlos Casares.
A proposta consiste en crear un meme orixinal en galego e con humor sobre as experiencias e situacións relacionadas coa lingua: o seu uso na aula, na casa, coas amizades ou co profesorado, así como cuestións vinculadas á historia de Galicia, á actualidade ou ás redes sociais. O lema desta edición recupera a expresión «ter aura», propia da xerga xuvenil, para transmitir a idea de que falar galego tamén é unha forma de prestixio.
Poderá participar o alumnado matriculado en ESO ou Bacharelato nun centro de Galicia durante o curso 2026-2027, cun único traballo por persoa. Os memes deberán enviarse ao enderezo electrónico info@fundacioncarloscasares.org, co asunto «CONCURSO ESCOLAR DE MEMES», indicando o título da obra, o nome da persoa participante, o centro educativo e un contacto do pai, nai ou titor legal.
Ao tratarse maioritariamente de participantes menores de idade, as bases establecen que só se solicitarán os datos imprescindibles e que será necesario achegar unha autorización familiar asinada, que se poderá cubrir a través da propia web do concurso. A Fundación só contactará coas familias ou persoas titoras dos participantes premiados.
O xurado valorará a creatividade e orixinalidade das propostas, o uso do humor e a mensaxe transmitida. O fallo darase a coñecer, como máximo, o 21 de decembro. Establécense tres premios en vales para adquirir libros e material escolar en librarías da localidade da persoa gañadora: 150 euros para o primeiro premio, 100 para o segundo e 50 para o terceiro. Os galardóns incluirán tamén os correspondentes diplomas. A organización pretende así apoiar o comercio local e as pequenas e medianas empresas culturais. Os mellores traballos formarán parte do libro dixital da edición de 2026.
Un libro dixital cos 60 memes da primeira edición
Coincidindo coa apertura da nova convocatoria, a Fundación Carlos Casares presenta o libro dixital «Memes polo galego. 1.ª edición», que recompila os 60 traballos enviados polo alumnado de toda Galicia durante o curso 2025-2026. A publicación inclúe as obras premiadas, as mencións especiais, o resto das creacións participantes e unha presentación sobre a orixe do concurso e a súa relación co humor de Carlos Casares.
O volume está concibido para a súa lectura en pantalla, a proxección nas aulas ou a difusión entre os grupos de clase. A publicación distribuirase entre o alumnado participante, os centros de ensino e as entidades que traballan a prol da lingua galega e pode descargarse gratuitamente na páxina web da Fundación.
Na primeira edición, o xurado concedeu o primeiro premio a Uxía Rodríguez Vidal polo meme «Cantiga de amor». Os dous segundos premios recaeron en Bruno Vázquez Pérez, por «Cadeira», e Valeria González Alonso, por «Pregunta na clase de galego». O terceiro premio foi para Iker Alonso Cid, por «En Galicia sempre». Ademais, recibiron mencións especiais Claudia Piñeiro Castillo, Dorian Rafael González Guzmán, Martina Álvarez Camba e León Fabeiro Cabaleiro.
O humor como ferramenta para achegar o galego á mocidade
O concurso «Memes polo galego» é unha das propostas incluídas no proxecto «Dende o galego, con humor», impulsado pola Fundación Carlos Casares para trasladar o universo humorístico do escritor ás linguaxes e formatos empregados polas novas xeracións.
A iniciativa complétase coa game jam escolar «Píxeles con retranca», outra convocatoria de creación de videoxogos dirixida a desenvolvedores independentes e a exposición itinerante «Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares», que os centros educativos poden solicitar gratuitamente á Fundación durante todo o ano.
O proxecto conta co patrocinio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e da Deputación da Coruña.
As bases e toda a información para participar están dispoñibles nesta ligazón.