A Fundación Expomar promove unha misión comercial internacional desde Cabo Verde

Colabora coa Consellería do Mar promocionando o sector pesqueiro galego na Feira Expomar de Cabo Verde, que se celebra na illa de San Vicente
expomar-caboverde
17 Oct 2026

A Feira Expomar de Cabo Verde ten lugar en Porto de Mindelo, nas instalacións de Enapor, na illa de São Vicente en Cabo Verde, do 15 ao 17 de outubro. A duodécima edición da ‘Feira das Actividades Económicas Ligadas ao Mar’ ten por lema “Nôs Mar, Nôs Riqueza” (o noso mar, a nosa riqueza) e conta con máis de 50 expositores internacionais, onde se están a celebrar diferentes encontros de negocios.

O evento foi inaugurado polo ministro da Cultura, Indústrias Criativas, Juventude e Desporto, António Sequeira Duarte, que saudou agarimosamente á delegación galega e agradeceu a colaboración da Consellería do Mar con esta importante feira para Caboverde.

A Fundación Expomar está presente dentro da misión comercial da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, xunto a outras entidades galegas relacionadas coa área marítimo-pesqueira, co obxectivo de afianzar os vínculos pesqueiros e lazos comerciais entre Galicia e Cabo Verde.

O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, aproveita esta estancia para promover unha misión comercial internacional en maio de 2027, coicidindo coa celebración da 21 Feira Expomar en Burela, que reforce aínda máis os contactos que a entidade mariñá ten coa delegación de Cabo Verde desde hai décadas.

Esta acción realízase en colaboración coa Consellería do Mar e a Organización de Produtores Pesqueiros de Burela, xa que moitos barcos da OPP Burela levan a cabo actividades con empresas caboverdianas que prestan servizos no Porto de Mindelo, como Cab-Nav, principal varadeiro do porto; ⁠Ena-Port, empresa de xestión portuaria e de frigorífico; ⁠Ena-Col, suministradores de gasoil; ou ⁠Limage, importante empresa consignataria.

Estas xestións da xerencia de Expomar comezaron nunha reunión co presidente e secretario xeral da Cámara de Comercio de Barlovento, para conseguir que, baixo o paraugas da Cámara de Comercio, en maio se despracen ata Burela empresas e institucións caboverdianas para manter reunións cos socios da OPP Burela e da Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Expomar trasmitiu ás institucións locais un saúda de parte da presidenta e alcaldesa de Burela, Carmela López, así como de todo o Padroado da Fundación, convidando un ano máis a distintas institucións caboverdianas a estar presentes na próxima edición de Expomar, que terá lugar no porto de Burela o vindeiro mes de maio. Asimesmo, tamén se agradeceu á Consellería do Mar non só o feito de contar con Expomar dentro desta delegación comercial, senón tamén toda a colaboración que está tendo para a promoción de Expomar 2027.

0.34802603721619