A galería NÉBOA inaugura en Lugo a mostra individual de Sara Piñeiro

A galería NÉBOA, situada en Lugo, inaugura o vindeiro sábado 16 de maio ás 12:30 horas a exposición individual da artista Sara Piñeiro (Sanxenxo, 1996), que conta cun texto crítico de Eva Antelo Mata.
Baixo o título Truer, a mostra céntrase na construción da imaxe a partir de materiais fráxiles e elementos auxiliares, como cintas adhesivas ou po mineral, que a artista intervén mediante procesos de desactivación que eliminan a súa función inicial. Ao quedar liberados do seu uso habitual, estes materiais convértense en superficies inestables e susceptibles de ser reconfiguradas, organizadas a través de xestos repetitivos nos que cobran protagonismo o tempo, o proceso e as estruturas invisibles que sosteñen a imaxe.
Tal e como sinala Eva Antelo Mata, a exposición invita a deterse naquilo que adoita permanecer fóra do foco, propoñendo unha atención especial ao mínimo e ao imperceptible e convidando a ralentizar a percepción.
Truer preséntase como un contafíos, unha ferramenta que amplifica a trama do que nos rodea e permite observar o tecido das cousas nas súas unidades máis básicas e nos seus procesos ocultos. As obras fan que o espectador adopte unha perspectiva distinta, reducindo simbolicamente a súa escala e poñendo en valor o xesto mínimo, reclamando tempo e coidado para aquilo ao que habitualmente non se lle presta atención.
Sara Piñeiro propón unha mirada pausada que enlaza lembranzas da infancia con cuestións propias da vida adulta, recuperando con delicadeza elementos que adoitan ser descartados. Na mesma sala na que aborda incertezas existenciais do presente, recupera tamén recordos de debuxos da súa infancia, pequenos espazos imaxinados onde acubillaba criaturas creadas pola súa propia fantasía.
Os materiais empregados proceden da industria e de sectores auxiliares, elementos que forman parte da vida cotiá pero que están deseñados para pasar desapercibidos. Neste contexto, deixan de cumprir unha función instrumental para converterse en obxectos autónomos, reprogramados e reconstruídos. A proposta convida a observar con atención as estruturas que sosteñen o visible, achegándose á materia primaria das cousas para recompoñer, recuperar e des-alienar a mirada.