A Garda Civil alerta do aumento das estafas amorosas na provincia de Lugo

A Garda Civil advertiu do incremento dos casos de estafas coñecidas como romance scam ou estafas amorosas na provincia de Lugo, unha modalidade delituosa baseada na manipulación emocional das vítimas co obxectivo de obter beneficios económicos mediante o engano.
Segundo sinalan desde a Comandancia de Lugo, os delincuentes crean perfís falsos en redes sociais e plataformas de mensaxería para establecer relacións sentimentais ou de confianza con persoas ás que posteriormente solicitan diñeiro alegando falsas urxencias, problemas médicos, dificultades económicas, accidentes ou outras situacións inventadas.
As autoridades indican que as vítimas máis habituais son mulleres de entre 45 e 70 anos, moitas delas en situación de soidade ou con necesidades afectivas, aínda que advirten de que calquera persoa pode verse afectada por este tipo de fraude.
A Garda Civil detectou xa na provincia varios intentos e casos consumados desta estafa, algúns deles con perdas económicas que ascenden a miles de euros. Os investigadores destacan que os estafadores non buscan manter unha relación real, senón crear unha dependencia emocional que lles permita manipular ás vítimas e conseguir transferencias de diñeiro ou información persoal sensible.
Ante esta situación, os axentes insisten na importancia da prevención e recomendan desconfiar dos contactos inesperados a través das redes sociais, especialmente cando mostran un interese afectivo inmediato. Tamén aconsellan revisar con detalle os perfís, xa que adoitan presentar poucas fotografías, imaxes excesivamente profesionais, escasa actividade ou un número reducido de contactos.
Outra das medidas recomendadas é solicitar videochamadas para verificar a identidade da persoa coa que se mantén a relación virtual. Segundo explican, os estafadores adoitan recorrer a escusas constantes para evitar aparecer en tempo real diante da cámara.
A Garda Civil lembra ademais que nunca deben compartirse datos persoais sensibles, como documentos de identidade, información bancaria, enderezos, fotografías íntimas ou datos familiares, xa que poden ser utilizados para cometer novas estafas, extorsións ou suplantacións de identidade.
Os investigadores son contundentes ao afirmar que unha persoa coñecida exclusivamente por internet non debería pedir diñeiro baixo ningún pretexto. En caso de sospeita, recomendan interromper inmediatamente o contacto, gardar todas as probas dispoñibles, como conversacións ou xustificantes de transferencias, e comunicar os feitos ás forzas e corpos de seguridade.
Tamén consideran fundamental comentar este tipo de relacións con familiares ou persoas de confianza, xa que a implicación emocional pode dificultar que a vítima identifique os sinais de alerta.
Por último, a Garda Civil anima a denunciar sempre este tipo de delitos e lembra que o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ofrece asesoramento gratuíto a través da liña telefónica 017, dispoñible todos os días para resolver dúbidas e orientar ás persoas afectadas por fraudes e problemas de seguridade dixital.