A grada de Tribuna de Balaídos levará o nome de Iago Aspas

O alcalde anunciou este mércores a decisión en recoñecemento á súa traxectoria deportiva e á súa vinculación coa cidade de Vigo
iago-aspas-abel-caballero
24 Sep 2026

Abel Caballero anunciou este mércores a decisión de que a bancada de Tribuna de Balaídos pase a denominarse Tribuna Iago Aspas, en homenaxe ao futbolista celeste. O rexedor destacou a relevancia deportiva do xogador e a súa condición de referente para a cidade. “Despois de que moita xente me pediu que lle dedicara unha bancada ao seu nome e tivese o nome de Iago Aspas, tomei a decisión de que a bancada de tribuna se vai chamar bancada de tribuna Iago Aspas”, explicou o alcalde.

Caballero expuxo tres motivos para a elección desta bancada. En primeiro lugar, Tribuna xa está operativa, polo que a nova denominación poderá aplicarse de maneira inmediata. Ademais, coa futura ampliación prevista no proxecto de transformación de Balaídos para o Mundial de 2030, converterase na bancada de maior capacidade do estadio.

O terceiro motivo é a súa proximidade á futura escultura de Iago Aspas, que o Concello instalará no exterior de Balaídos, na confluencia das bancadas de Tribuna e Marcador. O Concello xa convocou o concurso de ideas para o deseño e realización desta homenaxe, aceptada polo futbolista o pasado mes de abril. “E terceiro e moi importante é que ao lado da bancada de tribuna vai ir a escultura que o Concello vai poñer a Iago Aspas alí diante. Por tanto, todo encaixa”, sinalou Caballero, quen destacou que ambas as iniciativas permitirán vincular a homenaxe ao xogador cun mesmo espazo do estadio municipal.

O alcalde avanzou que solicitará a conformidade do futbolista e do Real Club Celta antes de formalizar a nova denominación. “Pedireille a conformidade a Iago. Pedireille a conformidade ao Celta de Vigo”, explicou, anunciando que asinará de forma inmediata o decreto para que a bancada pase a levar o nome de Tribuna Iago Aspas.

0.3304488658905