A II Copa Deputación de Baile Deportivo reunirá 325 participantes este sábado en Riazor

A competición contará con deportistas de Galicia, doutros puntos de España e de Portugal, entre eles campións do mundo de danza coreográfica, e ofrecerá entrada gratuíta durante toda a xornada
A CORUÑA dipu coru copa baile deportivo
21 Oct 2026

O Pazo dos Deportes de Riazor acollerá este sábado, 24 de outubro, a segunda edición da Copa Deputación da Coruña de Baile Deportivo, que reunirá 325 deportistas nas modalidades de bailes latinos e danza coreográfica. O torneo alcanza así unha cifra récord de participación e reforza a súa presenza no calendario deportivo galego apenas un ano despois da súa estrea.

A competición contará con participantes chegados de distintos puntos de Galicia, así como de comunidades como Madrid e Valencia e de Portugal. Entre eles haberá campións do mundo de danza coreográfica e parellas de primeiro nivel nacional, que competirán nunha xornada que combinará técnica, coordinación, expresión artística e esixencia física.

O evento presentouse este mércores no Pazo Provincial coa participación do deputado de Deportes, Antonio Leira; a deputada de Mocidade, Yoya Neira; o concelleiro de Deportes da Coruña, Manuel Vázquez; e Sandra García, responsable da organización e representante da academia Un Paso Adelante, de Narón.

Bailes latinos e danza coreográfica

O programa incluirá probas de bailes latinos e danza coreográfica nas modalidades individual, por parellas e por grupos. Haberá participantes de diferentes idades e categorías, nunha competición que se desenvolverá conforme á normativa da Federación Española de Baile Deportivo e cuxos resultados puntuarán para o ránking nacional.

Durante a presentación, Antonio Leira destacou o crecemento do torneo e a importancia de apoiar disciplinas deportivas que, malia o seu nivel competitivo, contan con menor presenza nos medios de comunicación.

'Superar os 300 participantes na segunda edición é unha magnífica noticia e demostra que esta Copa ten percorrido e futuro', afirmou o deputado, que tamén reivindicou o apoio da Deputación a todas as modalidades deportivas e o traballo que realizan os seus clubs e deportistas.

Leira sinalou, ademais, que a celebración desta competición contribúe a situar A Coruña como escenario de grandes eventos deportivos e permite aos clubs e escolas de baile da provincia competir e compartir experiencias con deportistas de primeiro nivel.

Pola súa banda, Sandra García destacou a resposta dos participantes e o nivel que se poderá ver sobre a pista. 'Contar na nosa provincia con campións do mundo e deportistas de referencia é un orgullo e un estímulo para todos os clubs e escolas que traballamos cada día para impulsar o baile deportivo', sinalou.

Entrada gratuíta para todo o público

Un dos principais atractivos desta segunda edición será o acceso libre e gratuíto durante toda a xornada do sábado. O público poderá achegarse ao Pazo dos Deportes de Riazor para gozar dunha competición que combina a dimensión deportiva coa expresión artística.

A deputada de Mocidade, Yoya Neira, animou a cidadanía a asistir, especialmente as familias e a mocidade, para coñecer de preto esta disciplina. Segundo explicou, a entrada gratuíta busca achegar o baile deportivo a novos públicos e dar visibilidade ao traballo que desenvolven os clubs e as escolas.

0.22691512107849