A incidencia da gripe continúa en tendencia decrecente

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos diminuíron un 7,2 % e un 35,4 %, respectivamente
Gripe Galicia
27 Nov 2026

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre as infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 22 de novembro, reflicte que a gripe mantén unha intensidade basal con tendencia decrecente. Polo que atinxe ás taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos, diminuíron un 7,2 % e un 35,4 % respectivamente, tal e como informan as oficinas de farmacia da rede sentinela impulsada pola Xunta para anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Segundo se recolle no informe, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 14,7 % respecto á semana anterior, o que supón pasar de 15,3 a 13,1 consultas por 100.000 habitantes.

O descenso das consultas produciuse en todos os grupos de idade, agás o de 60 a 79 anos, no que permaneceu estable e o de 80 e máis anos, no que aumentou un 24,6 %. En relación ás áreas sanitarias, observouse unha diminución da taxa das consultas en todas elas, agás na de Ferrol, onde aumentou un 54,2 %.

A positividade dos virus da gripe foi do 5,7 %, superior á da semana anterior.

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 17 %, pasando de 9,9 a 8,3 por 100.000 habitantes. Esta diminución observouse en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos e de 5 a 19 anos, no que aumentou un 62,3 % e un 34,1 %, respectivamente. Por áreas sanitarias, a taxa unicamente aumentou na de Lugo, descendendo no resto.

A taxa de ingresos por mor da gripe foi de 2 por 100.000 habitantes, semellante á da semana previa.

Por grupos de idade, a taxa mantívose estable en todos os grupos, agás no de 0 a 4 anos no que aumentou un 24,5 % e o de 60 a 70, no que descendeu un 44,8 %. Por áreas sanitarias, as únicas nas que a taxa aumentou foron a da Coruña e a de Pontevedra.

No que vai de tempada, notificáronse 319 ingresos pola gripe, a maioría deles, 310, con virus do tipo A.

Respecto da taxa de ingresos da covid, mantívose estable en 3,1 ingresos por 100.000 habitantes. Os únicos grupos nos que aumentou foron o de 0 a 4 anos e o de 20 a 59. Por áreas sanitarias, a taxa mantívose estable en todas elas.

Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 9 %, inferior á da semana previa, que fora do 10,2 %.

A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o 28 de setembro. Na actualidade, desde o pasado 9 de novembro, comezou a vacinación das persoas de 60 ou máis anos, persoal de servizos esenciais e persoal de exposición laboral. A partir do día 30 vacinarase aos conviventes de persoas de risco e resto da poboación diana.
Sanidade

0.30526185035706