A incidencia da gripe rexistra unha caída e un descenso na dispensación de antigripais

As consultas por esta enfermidade baixaron un 19% respecto da semana anterior, mentres que a taxa de ingresos foi do 0,8%, mantendo unha cifra estable
gripe-virus-catarro-enferma
15 Oct 2026

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 11 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade rexistra unha tendencia decrecente, cun descenso na dispensación de antigripais nas farmacias galegas.

A taxa de dispensación de antigripais nas farmacias descendeu un 10,6 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 18 %, tal e como informan as oficinas de farmacia que forman parte da rede sentinela creada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Segundo se recolle no informe semanal do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 19 % respecto da semana anterior, ficando en 11,9 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idades, o descenso da taxa produciuse en todos os grupos de idade con excepción do de 60 a 79 anos, no que permaneceu estable, e o de 80 e máis anos, no que aumentou un 18,6 %. As maiores taxas seguen a observarse en nenos de 0 a 4 anos. No que se refire ás áreas sanitarias, a de Lugo foi a que rexistrou a maior taxa de consultas.

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 22,3 %, pasando de 35,6 a 27,7 consultas por cada 100.000 habitantes. Este descenso observouse en todos os grupos de idade, sendo máis acusado nos grupos de 0 a 4 anos e de 5 a 19 anos. O grupo que presentou a maior taxa foi o de 80 e máis anos con 44,4 consultas por 100.000 habitantes. Por área sanitaria, a taxa de consultas descendeu en todas elas. A área coa maior taxa foi a de Ourense con 46,2 consultas por 100.000 habitantes.

O número de ingresos por gripe notificados, ata a semana que rematou o 11 de outubro, é de 53 persoas (o virus tipo A segue a ser o predominante). Na semana 41 a taxa de ingresos foi de 0,8 ingresos por 100.000 habitantes, similar á da semana anterior e practicamente estable en todos os grupos de idade, agás no grupo de 0 a 4 anos no que a taxa se duplicou. O grupo de idade que presentou a taxa máis elevada foi o de máis de 80 anos con 4,1 ingresos por 100.000 habitantes e a área coa maior taxa foi a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con 1,8 ingresos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, a taxa de ingresos da covid descendeu de 6,8 a 5,3 ingresos por 100.000 habitantes. Este descenso observouse en todos os grupos de idade agás no de 0 a 4 anos, no que permaneceu estable. O grupo de idade que presentou a maior taxa de ingresos foi o das persoas maiores de 80 anos con 30,6 ingresos por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na área de Ferrol. A área coa taxa máis elevada foi a de Ourense con 8,5 ingresos por 100.000 habitantes.

Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 20,4 %, o que supón un aumento respecto da semana anterior (19 %).

A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o pasado 28 de setembro, e segue a desenvolver o seu plan de vacinación coa inmunización infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios integrados no programa piloto e para o persoal sanitario e tamén para o persoal sanitario, que comezou este martes 13 de outubro.

0.4236319065094