A incidencia da gripe rexistra unha tendencia crecente, cun aumento da dispensación de antigripais e das consultas

Respecto da covid, a taxa de consultas aumentou un 43,4 %, quedando en 36,7 por 100.000 habitantes, e os ingresos subiron un 6,7 % con respecto á semana anterior
gripe-virus-catarro-enferma
1 Oct 2026

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 27 de setembro reflicte que a actividade gripal na comunidade se atopa en intensidade basal e con tendencia crecente.

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron un 24,5 % e un 88,9 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior, tal e como informan as oficinas de farmacia que forman parte da rede sentinela creada pola Xunta co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Segundo se recolle no informe semanal do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe aumentou un 25,4 % respecto da semana anterior e queda en 16,8 consultas por 100.000 habitantes.

O aumento da taxa produciuse en todos os grupos de idade, agás do grupo de 0 a 4 anos. O grupo coa maior taxa de consultas foi o de 5 a 19 anos, con 33,4 por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, observouse un aumento da taxa nas da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo.

Respecto da covid, a taxa de consultas aumentou un 43,4 %, quedando en 36,7 por 100.000 habitantes. Este aumento observouse en todos os grupos de idade, se ben foi máis acentuado no de máis de 80 anos, cun aumento do 70,1 %. Por áreas sanitarias, a taxa aumentou en todas elas, sendo os maiores incrementos nas áreas de Santiago de Compostela e A Coruña.

Respecto dos ingresos por gripe, na semana que rematou o 27 de setembro ingresaron 31 persoas con gripe confirmada, un 15,4 % menos que na semana anterior, na que se produciran 33 ingresos. En relación ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou nas de Ferrol, Lugo e Pontevedra. No que vai de tempada notificáronse 4.457 ingresos por gripe, a maioría deles, 4.429, con virus do tipo A.

No que atinxe aos ingresos por covid, rexistrouse un aumento do 6,7 %, acadando os 4,8 ingresos por 100.000 habitantes. O grupo de idade coa maior taxa foi o de 80 e máis anos, con 25,7 ingresos por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa aumentou en todas elas, agás na de Santiago de Compostela, onde descendeu un 52,5 %, e a de Ferrol, que permaneceu igual.

Polo que respecta á positividade do virus da gripe, foi do 4,6 %, inferior á semana anterior, que acadara o 5,3 %.

A Xunta iniciou o pasado día 28 de setembro nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos.

A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios onde a Xunta está a desenvolver un proxecto piloto que xa iniciou o pasado ano, cunha poboación diana de 26.500 alumnos.

A partir do 19 de outubro, a vacinación estenderase ás persoas de 70 ou máis anos e aos profesionais sanitarios e, posteriormente, o dous de novembro ás embarazadas.

0.36643004417419