A incidencia da gripe rexistra unha tendencia decrecente, cun descenso no uso de antigripais

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 19,6 %, quedando en 16,9 por 100.000 habitantes, a taxa de ingresos mantívose estable con 4 por 100.000 habitantes
vacinacion-gripe-ourense
6 Nov 2026

O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 1 de novembro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia decrecente, constatando unha diminución na dispensación de antigripais nas farmacias galegas.

En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias diminuíu un 16,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,6 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Segundo se recolle no informe do departamento sanitario galego, a taxa de consultas por gripe diminuíu un 14,1 % respecto da semana anterior, ficando en 12,3 consultas por 100.000 habitantes.

Por grupos de idade, a taxa mantívose estable e descendeu nos grupos correspondentes á poboación de 59 e menos anos, mentres que nos grupos de maior idade aumentou lixeiramente. O grupo con maior taxa segue a ser o de 0 a 4 anos. No que se refire ás áreas sanitarias, a de Lugo foi a que rexistrou a maior taxa de consultas.

Respecto da covid, a taxa de consultas diminuíu un 19,6 %, ficando en 16,9 consultas por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, observouse un descenso da taxa en todos eles. O grupo que presentou un maior número de consultas foi o de maiores de 80 anos, con 31 por cada 100.000 habitantes. Por área sanitaria, a taxa de consultas diminuíu en todas elas, agás na de Pontevedra, onde permaneceu estable. A área coa maior taxa foi a de Ourense con 19,3 consultas por 100.000 habitantes.

O número de ingresos por gripe notificados, ata a semana que rematou o 1 de novembro, é de 173 persoas (169 con virus do tipo A). Na semana 44 a taxa de ingresos foi de 1,5 ingresos por 100.000 habitantes, semellante á da semana anterior. O grupo de idade que presentou a taxa máis elevada foi o de máis de 80 anos con 7,3 ingresos por 100.000 habitantes e a área coa maior taxa foi a de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos con 4,3 ingresos por 100.000 habitantes.

Pola súa banda, a taxa de ingresos da covid mantívose estable con 4 ingresos por 100.000 habitantes. Por grupos de idade, os valores mantéñense estables, a excepción do grupo de 80 e máis anos, no que a taxa descendeu un 16,9 %. Este foi o grupo que presentou a maior taxa de ingresos con 19,6 ingresos por 100.000 habitantes. No que se refire ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou nas áreas de Ferrol; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Pontevedra e o Salnés e A Coruña. A área coa taxa máis elevada foi a de Lugo con 5,8 por 100.000 habitantes.

Polo que respecta á positividade do virus da covid, esta foi do 13,8 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (16,1 %).

A Xunta iniciou a campaña de vacinación nas residencias de maiores e nos centros de discapacidade o 28 de setembro, e continúa a desenvolver o seu plan de vacinación coa inmunización infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios integrados no programa piloto, así como para o persoal sanitario.

A campaña segue en marcha coa vacinación das mulleres embarazadas e as persoas menores de 70 anos con patoloxías de risco. Así mesmo, o vindeiro luns 9 de novembro iniciará a vacinación das persoas de 60 ou máis anos, persoal de servizos esenciais e persoal de exposición laboral.

0.51200699806213