A Inspección de Traballo sanciona á adxudicataria do servizo de limpeza de Correos por non garantir a promoción das traballadoras

A resolución sinala que a empresa non acreditou a publicación de vacantes nin a creación da bolsa prevista no seu Plan de Igualdade para facilitar o acceso do persoal feminino a postos de maior categoría
folga-limpeza-correos
12 Aug 2026

A Inspección de Traballo sancionou a ISS Facility Services, actual adxudicataria do servizo de limpeza de Correos na provincia da Coruña, por incumprir as medidas de promoción profesional previstas no seu Plan de Igualdade, segundo denuncia Solidariedade Obreira.

A resolución da Inspección sinala que a empresa non acreditou a implantación dos mecanismos acordados para facilitar que as traballadoras puidesen acceder ás vacantes de categorías superiores. En concreto, indica que “non se acredita que se teña establecido un procedemento de publicación de vacantes” nin que se crease a bolsa de traballadoras destinada a recoller e comunicar o seu interese por promocionar.

A organización sindical considera que a situación impide que as empregadas da limpeza poidan coñecer e optar ás prazas de maior categoría en condicións de igualdade. A Inspección conclúe que ISS “incumpre a obriga de aplicar as medidas previamente negociadas e acordadas no Plan de Igualdade”.

Segundo Solidariedade Obreira, as vacantes de categorías superiores estanse cubrindo sen unha publicidade interna que permita ao persoal acceder a elas. A organización lembra que a propia Inspección xa detectara anteriormente un caso relacionado cunha praza de responsable de equipo en Castro de Rei, que fora publicada nun portal externo sen ofertarse previamente ás traballadoras da empresa. Nese momento, a Inspección realizou un requirimento que, segundo a organización, non foi atendido por ISS.

Solidariedade Obreira considera que o ocorrido non constitúe un feito illado, senón que forma parte dunha desigualdade estrutural no sector da limpeza. A organización sinala que se trata dunha actividade sustentada maioritariamente polo traballo das mulleres, que continúan concentradas nas categorías máis baixas e nas xornadas parciais, mentres os postos de maior responsabilidade, as xornadas completas e determinadas tarefas especializadas están ocupados maioritariamente por homes.

Neste sentido, denuncia que moitas traballadoras desenvolven toda a súa carreira profesional sen posibilidades reais de promoción. “Xubilámonos como peóns porque o sistema decidiu que o noso salario é un complemento e non un dereito”, afirma a organización.

A desigualdade, segundo Solidariedade Obreira, tamén se manifesta nos órganos de representación sindical. A pesar de que as mulleres son maioría nas plantillas do sector, a organización sinala que teñen unha presenza menor á hora de encabezar candidaturas sindicais.

O sindicato lembra ademais outros expedientes relacionados con empresas do sector. Grupo Norte foi sancionada por non dispoñer dun Plan de Igualdade, mentres que SCT ACVA tamén recibiu unha sanción a pesar de estar obrigada a contar con este documento para poder contratar co sector público. Pola súa banda, Garbialdi foi sancionada por non aplicar o seu Plan de Igualdade, deixando sen ofertar ata seis vacantes de encargada.

Para Solidariedade Obreira, o caso de ISS Facility Services volve poñer de manifesto un patrón baseado no incumprimento das medidas de igualdade, a falta de transparencia e as dificultades para que as traballadoras poidan acceder a postos de maior responsabilidade.

A organización defende que os Plans de Igualdade deben funcionar como instrumentos efectivos para modificar estas situacións e non limitarse a cumprir un trámite administrativo. O seu obxectivo, sinala, debe ser garantir que as traballadoras teñan posibilidades de acceder ás categorías superiores, ás xornadas completas e aos postos de responsabilidade.

Desde Solidariedade Obreira aseguran que continuarán denunciando os incumprimentos que detecten, así como as vacantes que non sexan comunicadas ao persoal e os obstáculos que dificulten a promoción profesional das traballadoras. “A igualdade non se declara: cúmprese”, conclúe a organización.

0.25863599777222