A Inspección insta a Povisa a renegociar o plan de igualdade e sanciona por ter omitido información relevante

A Inspección de Traballo sanciona o hospital Ribera Povisa de Vigo por ocultar información significativa durante a elaboración do plan de igualdade e obrígao a renegociar o documento. A CIG valora positivamente a resolución e reclama unha negociación “real e transparente”.
Mulleres
29 Oct 2025

A Inspección de Traballo vén de sancionar o hospital Ribera Povisa de Vigo por incurrir na omisión de información significativa e relevante durante a elaboración do seu III Plan de Igualdade, instando á dirección a entregar a documentación completa e a renegociar o documento co comité de empresa.

Desde a sección sindical da CIG en Povisa valoran moi positivamente a decisión e reclaman unha negociación “real e transparente” que permita pactar un plan “que realmente rache coas desigualdades e teña un impacto positivo na vida do cadro de persoal”.

A central sindical lembra que a Secretaría das Mulleres da CIG de Vigo presentou o pasado 6 de agosto unha denuncia ante a Inspección por considerar que o plan aprobado o 11 de decembro de 2024 —co apoio maioritario do comité (CCOO, OMEGA, UNENF, SATSE e UGT)— se elaborou sen achegar a información obrigatoria. A CIG-Povisa decidiu non ratificar o documento por entender que a empresa non facilitara a auditoría retributiva nin a avaliación dos postos de traballo, tal e como esixe a normativa.

“Por lei, todas as empresas de máis de 50 persoas traballadoras teñen a obriga de contar cun plan de igualdade que garanta o trato igualitario e evite calquera forma de discriminación por razón de xénero, pero para iso é imprescindible dispor de todos os datos”, explican desde a organización sindical.

A CIG considera que a resolución da Inspección recoñece a importancia da transparencia e da participación real nos procesos de negociación e anuncia que continuará esixindo plans de igualdade efectivos. “Seguiremos loitando para que non queden en papel, senón que rachen coas desigualdades e melloren a vida do persoal”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.30675411224365