A lucense María Luisa Boquete asume a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar

A funcionaria releva no cargo a Marta Barreiro Castro tras ocupar postos de responsabilidade na Administración autonómica, entre eles a subdirección de Coordinación Económica da Consellería de Economía e Industria
María-Luisa-Boquete-Pumar-secretaria-xeral-técnica-de-Mar-Xunta
15 Oct 2026

A lucense María Luisa Boquete Pumar tomou posesión como nova secretaria xeral técnica da Consellería do Mar nun acto celebrado no salón de actos de Presidencia, no complexo administrativo de San Caetano. A súa incorporación supón o relevo de Marta Barreiro Castro, que pasa a desempeñar un novo cometido na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

A toma de posesión estivo presidida pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, que deu a benvida á nova responsable e destacou a súa experiencia en xestión administrativa e económica, así como en dereito comunitario. Villaverde expresou a súa confianza no traballo de Boquete e trasladoulle o apoio do equipo da consellería nesta nova etapa.

"Móvenos o obxectivo común de procurar o mellor presente e futuro para o noso mar e para as xentes do mar", sinalou a conselleira, que tamén agradeceu a Marta Barreiro o labor desenvolvido ata o momento e lle desexou sorte na súa nova responsabilidade.

Licenciada en Dereito pola Universidade San Pablo CEU, con especialidade en Dereito Comunitario, María Luisa Boquete é funcionaria do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, no subgrupo A1, e conta cunha ampla traxectoria no ámbito autonómico.

Desde xullo de 2024 ocupaba a subdirección de Coordinación Económica da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria. Con anterioridade, foi secretaria xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e directora da Área de Programas da Axencia Galega de Innovación.

0.34790992736816